O popular interesouse polos avances na tramitación para a construción da nova depuradora nunha reunión coa directora de Augas de Galicia na que constatou que: “o Concello é o que ten que dar os pasos” xa que o ente autonómico “ten todo contratado e deberían estar xa iniciadas as obras”
Foz, 10 de novembro de 2023. O portavoz do Grupo Municipal Popular de Foz, Javier Castiñeira, interesouse polos avances na tramitación da construción da nova depuradora de Foz nunha reunión coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez. “Queríamos saber o motivo de que non se empecen as obras da depuradora que iniciamos dende o goberno do PP conseguindo un orzamento de máis de 12 millóns de euros”. E “a día de hoxe é o Concello o que ten que dar os pasos”; xa que “Augas de Galicia ten todo contratado e debería estar xa iniciado”.
“O goberno do PSOE e BNG están máis preocupados por conservar o edificio da actual depuradora que por iniciar os traballos para a nova. Pedímoslle que se centre realmente no importante: iniciar os traballos da depuradora que é a maior inversión conseguida para Foz nos últimos anos. E fíxoo un goberno do PP. Quizás ese sexa o problema para o señor Cajoto”, apunta.
Durante a reunión tamén se interesou por coñecer o estado da tramitación da regularización da captación de auga de Cordido e da ampliación da captación xeral de Fazouro que afecta a todo Foz. Nese sentido, o portavoz traslada a súa “satisfacción” porque “en poucos días estará resolta a ampliación da captación de Foz, que afecta a dúas masas importantes no Plan Xeral que son a de Malates e Tras As Torres”.
Así mesmo, engade que “en poucas semanas, xa que o tema é máis complexo, estará legalizada a captación de Cordido”. Nese sentido, os populares amosan a súa “satisfacción” porque “lles dá aos veciños de Cordido a posibilidade de que se poda construír na parroquia, se o equipo de goberno é áxil para modificar o Plan Xeral”.
O popular reivindica que “o Partido Popular segue sendo útil para Foz. Neste caso, xestionando dende a oposición os temas que xa iniciara dende o goberno”.
DOCUMENTACIÓN MUNICIPAL
O Grupo Municipal do PP de Foz xa puidera comprobar fai unhas semanas, despois de revisar a documentación solicitada ao Concello, “a pouca dilixencia deste equipo de goberno, que leva máis de cinco anos para tramitar con Augas de Galicia a regularización de ambas captacións de auga”.