Burela, 23 de novembro de 2023. O Concello de Burela participa no IV Foro de Turismo Mariñeiro na localidade onubense de Isla Cristina, da man do concelleiro de Turismo e Mar, Ramiro Fernández.
Este foro, organizado polo Consorcio de Turismo Sostible da Costa Occidental de Huelva, ten como obxectivo servir de punto de encontro, de aprendizaxe y de impulso comercial do turismo mariñeiro e pesqueiro a nivel estatal. Foi cofinanciado por Fondos FEDER.
A cuarta edición do encontro celebrouse no CIT Garum, o Centro de Innovación e Tecnoloxía da Pesca e Transformación de Produtos Pesqueiros de Isla Cristina, e está centrada nos retos da gobernanza turística neste ámbito.
Ramiro Fernández participou nunha mesa redonda sobre colaboración público-privada e intersectorial no turismo mariñeiro xunto a Nadia Moalla, responsable de proyectos e innovación de CEPESCA; Ana Delgado, deputada de Turismo da Deputación Provincial de Huelva; e José Basilio, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pesca. Basilio é, ademais, patrón da confraría de Burela.
“Expuxemos o traballo que está facendo o Concello de Burela en materia de turismo mariñeiro e cara a onde queremos ir, destacando a nosa entrada da Rede de Turismo Pesqueiro de España”, explica Fernández. Sinala tamén que para o Concello “é importantísimo poder acudir a estes foros e promocionar Burela en todos os sitios onde poidamos”.
O concelleiro destaca que “a entrada na rede nacional, que foi presentada na mesa anterior á nosa no propio evento, vai ser fundamental para desenvolver o turismo mariñeiro e pesqueiro en Burela nos próximos anos”.
A Rede de Turismo Pesqueiro de España está impulsada polo Consorcio de Turismo Sostenible de la Costa Occidental de Huelva, Pescaturismo, Turismo Marinero Murcia, Fundación EXPOMAR, Grupo ABICA, ADER La Palma, Ociomar Torrevieja e a Fundació Promediterrània. José Manuel González López, coñecido como Brais, foi o encargado de presentar a rede no foro como xerente de Expomar.