Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acude ao III Encontro Galego de Consellos Locais de Participación Infantil e Adolescente no Carballiño

O Grupo de Participación Adolescente de Burela visitou esta vila da provincia de Ourense na pasada fin de semana, compartindo experiencias con espazos similares procedentes de toda Galicia

Burela, 20 de novembro de 2023. O III Encontro Galego de Consellos Locais de Participación Infantil e Adolescente tivo lugar os pasados días 18 e 19 de novembro no Carballiño, e o Grupo de Participación Adolescente de Burela foi parte desta experiencia.

A rapazada burelá participou dunha serie de xogos, dinámicas, actividades artísticas e charlas ao longo da fin de semana, nas que compartiron vivencias con espazos similares procedentes de concellos de toda Galicia.

No encontro tratáronse diversos temas de actualidade relacionados coa infancia e a mocidade, e en particular co tratamento e prevención da violencia contra a infancia.

A sesión de clausura do evento contou coa presencia da presidenta de UNICEF Galicia, Myriam Garabito Cociña, e do director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Jacobo Rey Sastre.

O Grupo de Participación Adolescente de Burela está a desenvolver múltiples actividades neste novo curso. Esta mesma semana teñen lugar as sesións de Contacontos nos centros educativos da vila, sendo a seguinte este xoves 23 de novembro ás 9:50 no CEIP Virxe do Carme.

Mañá, martes 21 de novembro, o grupo participará da man das monitoras da Aula Gaia de Educación Medioambiental do Concello na celebración do Mes da Giencia en Galego nas Bibliotecas, cuns obradoiros de experimentos científicos para os nenos e nenas de Burela.

Estes obradoiros terán lugar mañá, martes 21 de novembro, na sala de usos múltiples da Biblioteca de Burela, ás 17:00 para o grupo de 3 a 7 anos e ás 18:00 para o grupo de 8 a 12 anos. Para participar, é necesaria a inscrición previa na Casa da Xuventude.

Exit mobile version