Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro acusa a Rueda en Viveiro de “insolvencia sanitaria” e de poñer en risco a saúde dos galegos e das galegas

O candidato socialista á Xunta de Galicia acusa a Rueda de por en risco a saúde da veciñanza da Mariña: “Só se decidiu a facer algo dous días antes desta manifestación”

Viveiro, 19 de novembro de 2023. O candidato dos socialistas galegos á presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, criticou hoxe a “insolvencia sanitaria” amosada por Rueda, que pon en risco a saúde dos galegos e das galegas coa súa mala xestión. Participou na manifestación convocada diante do Centro de Saúde de Viveiro xunto con 3.000 veciños e veciñas para denunciar os recortes na sanidade pública.

O responsable socialista participou no encontro xunto coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, xunto con alcaldes e representantes socialistas doutros concellos da Mariña.

O socialista criticou o “abandono” da sanidade pública por parte do PP, e dixo que “iso si que é romper Galicia”, diferenciando entre os concellos que dispoñen de asistencia sanitaria e os que non a teñen. Explicou que o 80 por cento dos 67 concellos de Lugo teñen baixas de médicos, 14 deles con risco de perder o servizo.

Tamén se referiu ás listas de agarda en Atención Primaria en Galicia de entre 15 e 20 días e falta de tempo que teñen os profesionais para atender aos pacientes. Aludiu á perda de 1.000 sanitarios nos 14 anos de gobernos do PP, antes de trasladar o seu apoio aos profesionais sanitarios que “levan anos compensando o déficit estrutura do sistema co seu compromiso”.

En declaracións aos medios, Besteiro denunciou a situación na que se atopa o Centro de Saúde de Viveiro, “que é un mostra máis da lamentable situación que está a padecer a Atención Primaria en Galicia”. Lamentou neste senso que os veciños e veciñas leven practicamente un ano sen pediatra e “con só dous médicos para atender ás urxencias e ás consultas de Atención Primaria”.

O candidato socialista explicou que dos sete facultativos “tan só traballan dous na quenda da mañá e só un na da tarde, e o servizo de pediatras que atende a toda a comarca só está operativo uns días ao mes porque se trasladan dende o Hospital de Lugo”. Unha situación insostible, engadiu, “que pon en risco a saúde dos veciños e veciñas da Mariña”.

Besteiro lamentou que “despois de ter que soportar esta situación ao longo de todo este tempo, a 48 horas desta concentración, atopámonos na prensa que, AGORA SI a Xunta vai tentar de resolver esta situación de xeito inmediato. Isto é unha tomadura de pelo para os veciños e veciñas de Viveiro”.

Colapso do sistema informático

Besteiro tamén lembrou que esta mesma semana colapsou o sistema informático do SERGAS, o que impediu acceder á información real de cada paciente, o sistema de receitas e afectando incluso ao 061. Dixo que se trata dun “feito de extrema gravidade que non pode volver a suceder”.

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta remarcou que, en contraposición ao modelo falido da dereita, “os socialistas galegos queremos un modelo de atención primaria multidisciplinar, un modelo que sexa o centro real da saúde galega. Dotándoo de persoal con condicións laborais dignas, e dos recursos necesarios para volver a ofrecer unha atención de calidade aos galegos e galegas”.

Exit mobile version