A débeda financeira pasou de máis 1,6 millóns euros no 2019 a 0 euros nestes momentos
Barreiros, 7 de novembro de 2023. A corporación municipal de Barreiros reunida en sesión extraordinaria no día de onte aprobou acudir a unha operación de crédito para afrontar o pago de facturas de lixo e enerxía eléctrica para as que o orzamento inicial quedou corto debido ao incremento de prezos no servizo.
O concelleiro de economía, Antonio Veiga, encargado de defender a proposta explicou que “se acude a un crédito bancario para poder pagar novas facturas dos servizos de lixo e de enerxía, que están a sufrir continuos incrementos no prezo e que non é posible asumir co orzamento inicial”.
Esta operación concértase a 36 meses e é posible acudir á mesma debido ao resultado positivo no aforro neste momento, situación que comezou a darse no ano 2020. Ademais, conflúe outra situación que dá un respiro á entidade municipal: a súa débeda viva, é dicir, a débeda financeira con entidades bancarias pasou de ser máis de 1,6 millóns de euros no 2019 a ser 0 euros neste momento.
A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que a situación financeira do Concello mellorou notablemente nos últimos 4 anos, o que permite realizar certas operacións que facilitan a xestión municipal. Porén, manifesta que “a situación económica segue a ser complicada, como se demostra coa necesidade de acudir a este crédito, debido ao continuo incremento de prezos ao que os concellos non somos alleos e que afecta ao mantemento da prestación dos servizos municipais”.