A actividade combina charlas e visitas a puntos de interese. As conferencias terán lugar no Pazo Santomé, na rúa Julia Pardo Montenegro e as visitas serán a diversos puntos da parroquia de Masma, en Mondoñedo.
O programa comezará o venres día 15, ás 19:30h coa entrega de documentación e co acto inaugural para arrancar a actividade propia do curso, ás 20:00h, coa intervención de D. Abel Vigo García e D. José Otero Rejes para abordar o tema das caleiras e da produción tradicional do cal en Mondoñedo, como conmemoración dos 20 anos da recuperación etnográfica da obtención de cal nos fornos de Masma. Na mesma darase un repaso polo catálogo de caleiras que se conservan no Concello e explicando, con detalle, todo o proceso de calcinación das rochas calcarias ata conseguir obter delas cal viva nos fornos propios deste oficio.
A segunda xornada, o sábado día 16, arrancará pola mañá cunha visita guiada a diversos puntos de interese en Masma comezando polos fornos de cal e continuando por diversos lugares da parroquia. A saída a esta visita será dende a Praza do Seminario ás 10:00h e para facer a ruta os/as asistentes precisarán dispor de vehículo).
Na tarde do sábado, ás 18:00h, terá lugar a segunda conferencia, a cargo de Dna. Alexandra Staniewska que abordará o tema das fosas comúns como sitios de investigación interdisciplinar a través da súa experiencia e traballos de investigación en áreas do centro de Europa, sobre todo en Polonia, na etapa da II Guerra Mundial.
A actividade finalizará o domingo día 17 cunha conferencia ás 12:00h, a cargo de D. Marcos Vaqueiro Rodríguez, no que fará unha primeira achega de resultados dos traballos de investigación multicisplinar que se están a realizar na Cova do Rei Cintolo nestes últimos anos e dos cales é o director científico.
A xornada rematará coa entrega de diplomas.
Para a asistir á actividade prégase inscrición a través do e-mail xornadas.arqueo@gmail.com ou a través do teléfonos 982 50 71 77 e 982 52 40 03. A matricula na actividade é gratuíta e estará aberta ata o venres, día 15 ás 14h.
Dende o Concello de Mondoñedo queren convidar a asistir a esta actividade a todas e todos os afeccionados ao mundo da historia e da arqueoloxía a través deste atractivo programa de actividades.
Horario detallado
Venres 15 de decembro
19:30h. Entrega de Documentación.
19:45h. Acto de Inauguración.
20:00h. Conferencia: “As Caleiras. Fornos de cal dun antigo oficio mindoniense”. Dr. D. Abel Vigo García e D. José Otero Rejes. Concello de Mondoñedo
Sábado 16 de decembro
10:00h. Visita guiada. Visita ás Caleiras de Outeiro en Masma e a puntos de interese na zona. Saída: Praza do Seminario ás 10h. – Para facer esta ruta os/as asistentes precisan dispor de vehículo.
18:00h. Conferencia. “Fosas comunes como sitios de investigación interdisciplinar”. Dna. Alexandra Staniewska. Antropóloga Social e Bióloga Forense. Universidade de Adam Mickiewicz (Poznan, Polonia)
Domingo 17 de decembro
12:00h. Conferencia. “PROYECTO “REI CINTOLO: OBJETIVO 11.000 M. Geodiversidad, biodiversidad y patrimonio cultural de la mayor cueva de Galicia: Síntesis de las campañas topográficas 2018 – 2023”. Dr. D. Marcos Vaqueiro Rodríguez. Director del Proyecto – Rei Cintolo: Objetivo 11.000 m // Investigador Asociado Instituto Universitario de Xeoloxía “Isidro Parga Pondal” da UDC // Pseudokarst Commission member at the International Union of Speleology // Director técnico del Atlas Dixital de Covas e Cañóns da Federación Galega de Espeleoloxía // Presidente Club de Espeleoloxía A Trapa (CETRA)
Entrega de diplomas.