Site icon Crónica3.com A Mariña

As XVIII Xornadas Mar por Medio darán comezo este venres en Ribadeo

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, o musicólogo Carlos Villanueva, unha exposición sobre o Camiño e o concerto da Coral Polifónica de Ribadeo protagonizarán a primeira sesión

Ribadeo. Xoves, 30 de novembro de 2023. As XVIII Xornadas Mar por Medio darán comezo mañá, venres 1 de decembro, en Ribadeo coa celebración das primeiras actividades do programa preparado para toda a fin de semana pola Academia Xacobea coa colaboración do Concello ribadense, a Xunta, a Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela. Daniel Vega Pérez, alcalde de Ribadeo; Xesús Palmou, presidente da Academia Xacobea, Javier Arias Fouz, delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Francisco J. Fraga López, vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo; Francisco Singul Lorenzo, xefe da Área de Cultura do Plan Xacobeo, e o hispanista e profesor emérito do Queen’s College da Universidade de Oxford John Rutherford, figura clave na creación das Xornadas, participarán no acto inaugural que se celebrará ás 16.30 horas no Auditorio Hernán Naval, escenario da maioría das propostas que se desenvolverán ata o mediodía do domingo. “O Camiño: Cultura e tradición” é o título e o eixo do programa deste ano, que reunirá en Ribadeo a un destacado grupo de expertos e especialistas para abordar o fenómeno xacobeo desde diversas perspectivas.

Tras o acto inaugural, durante a xornada de mañá haberá dúas conferencias a cargo de Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, que falará a partir das 17 horas da importancia do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo, e do musicólogo e catedrático emérito da Universidade de Santiago, Carlos Villanueva, que ás 18.30 horas ocuparase da relación entre a música e as rutas de peregrinación a Santiago. O Camiño será tamén o protagonista da exposición que será inaugurada ás 20 horas. Os actos do venres terán peche musical co concerto que ofrecerá ás 20.30 horas a Coral Polifónica de Ribadeo.

O programa completo das XVIII Xornadas Mar por Medio está dispoñible na páxina web da Academia Xacobea www.academiaxacobea.gal

Exit mobile version