Ribadeo, 18 de novembro de 2023. Ribadeo segue sendo un referente para diversos colectivos á hora de elixir un espazo para a celebración de encontros e congresos. No día de hoxe acolleu a VII Xornada de Protección Civil da Provincia de Lugo, que organiza a Federación de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Lugo.
O alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Seguridade, Montse Seijo, participaron na inauguración destas xornadas que tivo lugar no Auditorio Municipal Hernán Naval. O programa incluíu ponencias, prácticas no porto deportivo de Ribadeo e xantar de confraternidade no Parador de Turismo.
O rexedor declarou: “espero que Ribadeo continúe a ser un referente para este tipo de eventos e o meu máis sincero agradecemento a voluntarios e voluntarias e a todo o servizo de Protección CIvil polo seu grande traballo”.
No acto de clausura fíxose entrega de placas de ouro ao mérito de Protección Civil ás Agrupacións da Provincia de Lugo.
Arias destaca o compromiso da Xunta co labor de Protección Civil nas VII Xornadas provinciais das agrupacións
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta mañá na inauguración da sétima edición das xornadas provinciais que organiza a Federación de Agrupacións de Protección Civil de Lugo, onde puxo de manifesto o firme compromiso do Goberno galego co “labor fundamental” que realizan os voluntarios e voluntarias que conforman este servizo.
O delegado lembrou que as agrupacións de voluntarios unha parte vital no funcionamento do sistema de emerxencias e que “a miúdo son os primeiros en chegar ao lugar do sinistro e prestar os primeiros auxilios”, polo que “resulta básico ofrecerlles os medios e os coñecementos apropiados para desenvolver a súa función”.
A provincia de Lugo conta actualmente con 43 agrupacións de Protección Civil. O apoio da Xunta concrétase en tres aspectos: a formación do persoal, a achega de equipamento e axudas para os gastos de funcionamento; o investimento na provincia nestes dous últimos apartados supera os 2,8 millóns de euros desde o ano 2015.
Este ano leváronse a cabo en distintos municipios de Lugo 13 cursos para formar a 255 alumnos en materias como a prevención e loita contra incendios urbanos, condución de vehículos todoterreo ou accidentes na estrada.
Tamén se dota ás agrupacións de material e equipamento de emerxencias de distinta tipoloxía para mellorar a capacidade de prevención e reducir os tempos de resposta ante riscos e emerxencias derivados dos diferentes sinistros (incendios forestais, inundacións, etc).
Entre o equipamento entregado nos últimos oito anos ás agrupacións da provincia figuran 43 vehículos, 32 remolques, 12 embarcacións, 27 coitelas quitaneves e esparexedores de sal, 20 carpas e 60 desfibriladores.
Froito do traballo realizado durante estes anos pode concluírse que practicamente todas as Agrupacións contan con vehículo de emerxencias e unha porcentaxe moi elevada con remolque e carpa para emerxencias. Ademais, en función dos riscos de protección civil específicos de cada zona, as agrupacións dispoñen de material de actuación en caso de nevadas ou xeadas ou material acuático, entre outros.
Arias lembrou que está próxima a resolverse unha nova convocatoria destas axudas que, por primeira vez, inclúe a dotación de kits de material loxístico de seguridade viaria, de ferramentas eléctricas para a atención a emerxencias, e de material para emerxencias no medio acuático.