Ameijide sinala que “a única realidade é que asinaron un acordo similar ao de fai 4 anos e que non se cumpriu” polo que “queda clara a inutilidade do BNG para Galicia e no Congreso dos deputados”
Lugo, 8 de novembro de 2023. O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, subliña que “o pacto entre PSOE e BNG asinado onte é papel mollado, un documento con inconcrecións e xeneralidades. Non o podemos crer despois de que na Deputación de Lugo ambas formacións votaran en contra de esixir investimento para as infraestruturas do Estado na provincia. Negáronse a votar a favor da alta velocidade, dun corredor de mercancías que pase pola nosa provincia, da reconstrución urxente da A6, do mantemento das infraestruturas viarias e da construción das autovías pendentes”.
O popular incide en que “os acordos asinados -cheos de condicionais (avanzarase, aceleraranse, aplicarase, elevarase..)- certifican que non teñen intención de rematar en prazo a autovía a Santiago (A-54), nin de avanzar nas autovías de Lugo a Ourense (A-56), Ponferrada a Ourense (A-76) e da Mariña (A-74)”. Así mesmo, incidiu en que “PSOE e BNG non teñen a máis mínima intención de que a provincia de Lugo teña alta velocidade porque no documento non se percibe ningunha palabra sobre a alta velocidade para a nosa provincia”. É dicir, “onte Besteiro e Pontón firmaron o illamento á nosa provincia, a venda desta provincia aos cataláns”, remarca o popular.
“O negociador do pacto da investidura de Sánchez, que é o candidato do PSOE á Xunta, é precisamente o vendedor da nosa Comunidade Autónoma para pagar as débedas dos cataláns. Os que cumprimos teremos que pagar a débeda dos que non cumpriron grazas á negociación do candidato do PSOE á Xunta que terá que pedir o voto aos galegos despois de custarnos 1.200 millóns de euros -400 euros cada galego-.
O BNG NON É ÚTIL PARA GALICIA
Ameijide condena que“unha das principais preocupacións do BNG é que se poda ver a tele portuguesa na comunidade autónoma de Galicia” e asegura que “o pacto é unha cortina de fume e un novo engano no que volveron caer os nacionalistas: non sabemos se por boa fe ou se son cómplices de enganar aos lucenses”.
En todo caso, “a única realidade é que asinaron un acordo similar ao de fai 4 anos. E neste tempo non se cumpriu nin o primeiro punto e agora volven a rubricar o mesmo engano recoñecendo a inutilidade do BNG para Galicia e no Congreso dos deputados”.