Lugo, 28 de novembro de 2023. O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, asegurou hoxe que a Xunta volverá apoiar o vindeiro ano a celebración da Semana Santa de Viveiro, que conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional desde o 2013.
Arias reuniuse co presidente da Xunta de Confrarías de Semana Santa desta localidade, José Veiga, e con outros membros da entidade, para abordar a colaboración no ano 2024. Afirmou que o Goberno galego renovará o convenio para apoiar esta cita, que en 2023 contou cunha achega autonómica de 40.000 euros a través da Axencia de Turismo de Galicia.
A Xunta contribúe así a dinamizar unha celebración “que ten especial importancia como reclamo turístico”, xa que atrae a multitude de persoas a Viveiro e ten un impacto positivo na economía do concello, concluíu Arias.