Conta cun orzamento de 531.000 euros e proporcionará traballo e formación durante un ano a 20 persoas en actividades relacionadas coa xardinaría
Cervo, 23 de novembro de 2023. A Xunta de Galicia inaugurou hoxe a décima edición do obradoiro de emprego “Sendas de Burela, Cervo e Xove”, promovido polos citados concellos e financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 531.000 euros.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, lembrou que recentemente rematou a novena edición, cun orzamento similar, e destacou que en conxunto supoñen oportunidades laborais para 40 persoas desempregadas -20 en cada caso- “que atopan nestas iniciativas unha vía para reorientar a súa traxectoria profesional cara a especialidades con demanda no mercado laboral”.
Os alumnos son contratados durante un ano e reciben coñecementos teóricos e prácticos ao tempo que realizan obras e servizos de interese xeral. En concreto, o novo proxecto céntrase nas actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, e os participantes traballarán no mantemento e mellora medioambiental de espazos públicos e zonas verdes.
18 novos proxectos
Arias explicou que durante estas semanas están a iniciarse na provincia 18 novos obradoiros duais de emprego, que suman un investimento de 9,5 millóns de euros, implican a 50 concellos e incorporarán a 360 persoas como alumnos traballadores, ademais do persoal directivo e monitores das distintas especialidades.
Concedéronse incentivos á contratación para máis do 40% do alumnado, co fin de impulsar a súa integración en empresas locais durante un mínimo de tres meses unha vez que rematen o período formativo.