A secretaria xeral da Igualdade visitou hoxe o curso de primeiros auxilios que celebra a Federación de mulleres do rural da provincia lucense (Afammer Lugo) co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no marco do Plan Corresponsables
Vilalba, 8 de novembro 2023. A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, visitou hoxe ás mulleres que participan no curso de primeiros auxilios que a Federación de mulleres do rural da provincia de Lugo (Afammer Lugo) organiza en Vilalba co apoio da Xunta de Galicia a través do Plan Corresponsables. Coa súa presenza, Vázquez puxo de relevo o labor do asociacionismo para que a sociedade vaia avanzando nunha auténtica cultura da igualdade.
O curso presencial de hoxe enmárcase na colaboración que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén con Afammer Lugo para levar a cabo iniciativas no marco do Plan Corresponsables. O departamento da Xunta achega 40.000 euros a esta entidade para que desenvolva, entre outras, accións de formación para mulleres que lles permita acreditar a súa experiencia no coidado de menores de ata 16 anos.
O obxectivo último é poder dar acceso a estas mulleres a bolsas de coidado profesional, cando o desenvolvemento normativo estatal o permita, sobre todo a mulleres maiores de 45 anos. En paralelo séntanse as bases para crear servizos de coidado profesional de calidade para os menores, así como a realización de plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade colabora, por outra banda, coas catro principais federacións de asociacións de mulleres rurais de Galicia, entre as que se encontra Afammer Lugo, co gallo de garantir a igualdade e de erradicar a violencia de xénero. Estes convenios supuxeron en 2023 unha aportación por parte da Xunta de Galicia de 390.000 euros, destinados a avanzar na igualdade real e efectiva coa implicación de toda á sociedade e con especial atención aos núcleos máis pequenos.