Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta detecta un novo caso de ave silvestre afectada por gripe aviaria en Ribadeo

A detección realizouse no marco do Plan de vixilancia que desenvolve a Xunta e non vai afectar á valoración favorable do risco respecto á influenza aviaria que recentemente realizou o Goberno central

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2023. A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de dous exemplares de aves silvestres afectados por influenza aviaria, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Trátase de exemplares de gaivota patiamarela (un no concello da Coruña e outro en Ribadeo), atopados con sintomatoloxía clínica. Trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Oleiros e O Veral, respectivamente, as aves foron mostrexadas para proceder á análise laboratorial. Con estes dous novos, son dez en total os focos notificados na nosa comunidade no presente ano 2023, correspondendo nove a gaivotas e un a un exemplar de palleira parasita.

A notificación destes dous focos, ao afectar exclusivamente a aves silvestres, non implica cambios no status sanitario de Galicia en relación á influenza aviaria, nin supón ningunha restrición ou medida adicional ao comercio de aves vivas e produtos derivados orixinarios da comunidade autónoma.

Valoración de risco favorable

Na data actual, a valoración de risco de aparición de influenza aviaria continúa a ser favorable, ao non ter comezado aínda o período de baixas temperaturas, máis favorables á circulación dos virus influenza, así como non estar aínda no período de maior chegada de aves migratorias silvestres posibles portadoras do virus.

Isto levou o pasado mes de maio, por parte do MAPA, ao levantamento de diversas prohibicións e obrigas en determinados concellos, manténdose unicamente en Galicia certas medidas nos sete municipios da provincia de Pontevedra que pertencen á Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).

Porén, dada a importancia do sector avícola na nosa comunidade, cómpre continuar coas medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais.

Lémbrase de novo que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, aínda que por un principio de bioseguridade básica, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais.

Exit mobile version