Esta é unha das actuacións aprobadas recentemente polo Executivo galego para a creación ou ampliación de parques empresariais en distintos concellos e que suman un orzamento de máis dun millón de euros
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2023. A Xunta de Galicia adxudicou por algo máis de 120.000 euros a redacción do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (PEOSE) para a ampliación do parque empresarial de Camba, no concello lucense de Xove.
O contrato para a elaboración do plan, autorizado polo consello de administración da empresa pública Xestur, pretende ordenar unha superficie de preto de 56.000 metros cadrados coa que poñer novos terreos a disposición do tecido empresarial.
Esta é unha das actuacións aprobadas recentemente polo Executivo galego para a creación ou ampliación de parques empresariais en distintos concellos e que suman un orzamento de máis dun millóns de euros.
Entre elas estás as relacionadas cos PEOSE dos parques empresariais da Sionlla (Santiago de Compostela), Toedo (A Estrada), Coristanco, Louredo (entre Mos e Redondela) e Pereiro de Aguiar. No caso do plan santiagués, aprobouse a súa redacción por importe de preto de 200.000 euros para ordenar unha superficie de máis de 410.000 metros cadrados coa que ampliar o parque nos terreos existentes fronte aos actuais, ao outro lado da AP-9.
A redacción do plan de Toedo, pola súa banda, foi adxudicada por un orzamento de preto de 155.000 euros e ten como obxectivo ampliar a súa superficie en máis de 90.000 euros. Mentres, a redacción do proxecto de desenvolvemento, urbanización e conexións exteriores da primeira fase do parque empresarial de Coristanco conta cun orzamento de máis de 78.000 euros.
No caso de Louredo, o contrato para a redacción do plan de creación deste parque empresarial entre Mos e Redondela adxudicouse por algo máis de 290.000 euros. O obxectivo é ordenar unha superficie de preto de 480.000 metros cadrados para poñela posteriormente a disposición do tecido empresarial.
A redacción do PEOSE para a ampliación do parque de Pereiro de Aguiar conta cun orzamento de arredor de 120.000 euros para ordenar unha superficie de preto de 234.000 metros cadrados. A maiores, a empresa pública Xestur tamén aprobou traballos para a mellora da rede de distribución eléctrica do parque empresarial de Xinzo de Limia por importe de máis de 63.000 euros.