Site icon Crónica3.com A Mariña

A programación de Nadal de Foz comeza este venres co acendido do alumeado

Foz, 29 de novembro de 2023. O Concello de Foz ten preparada unha programación para as vindeiras semanas cargada de actividades. Para esta primeira semana de decembro o protagonismo é para o acendido do alumeado de Nadal, que se fará este venres, 1 de decembro.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia: “este venres, 1 de decembro, ás 18.30 horas na praza Conde de Fontao prenderemos o botón de acendido das luces de Nadal. Este é o primeiro evento dun Nadal cargado de actividades para os máis pequenos e para os maiores. Estaremos acompañados pola Banda de Música de Foz, que comezará a súa tempada de concertos de Nadal; agradecémoslles sempre a súa boa disposición a participar nos eventos do concello”.

O alcalde, Fran Cajoto, explica: “será un día cheo de sorpresas e ilusión para os máis pequenos. E ao longo do mes iremos colocando tamén a casiña de Papa Noel no Concello para que se achegue o 24 a facernos unha visita e a falar cos nenos e nenas de Foz. Esperamos que todo o mundo se anime e veña a Foz a pasear e desfrutar do noso Nadal e nos acompañen na conta atrás do acendido”.

E a concelleira de Cultura engade que “esta fin de semana o programa compleméntase cunha actividade o sábado día 2, na que colaboramos coa ACIA e que pretende que os nenos nos axuden a decorar o pobo, primeiro preparando os adornos como máis lles gusten, nas galerías de Ginzo, en varias quendas (ás 12, 13, 17 e 18 horas). Os que queiran poden acudir ou anotarse no teléfono 982.132.751, xa que logo colocaremos os adornos nunhas árbores de Nadal dispostas para iso. E o domingo ás 12 horas na Sala Bahía poderemos desfrutar da obra de teatro Hugo, para que os máis peques teñan unha finde chea de actividade”.

Exit mobile version