Site icon Crónica3.com A Mariña

“A Pancha… non é unha moeda local”, por Iván Rodríguez Lombardero

O novo goberno municipal ribadense do PP mantén a iniciativa das panchas de fomento do consumo no comercio local. En resumo, dannos desde 40 a 400 panchas pagando de 30 a 300 euros o Concello paga por nós ós comercios os 10 a 100 euros restantes. Antes de comezar, cómpre lembrar que se trata dunha subvención que será comunicada á Axencia Tributaria e aparecerá nos nosos datos fiscais, e que nos obrigará a presentar a declaración do IRPF. Ollo que no caso de persoas antes non obrigadas -por ter só un pagador- pode obrigalas a pagar centos de euros: cada quen que revise e teña en conta a súa situación.

Non serei eu quen se opoña a favorecer o comercio local fronte á forza que semella imparable do comercio telémático e as grandes superficies. Manter vivo o tecido comercial da nosa vila é un obxectivo loable e necesario. Porén, paréceme axeitado reflexionar sobre o tema, xa que pódensenos ocurrir diferentes xeitos de axudar ó pequeño comercio pola parte dos gastos (reducir a tarifa da auga, a taxa do lixo, traballar pola rebaixa dos alugueres de baixos comerciais…) e debemos ser conscientes do que estamos a facer cando optamos a subirlles os ingresos a través das panchas.

Por unha banda, estamos a subvencionar o consumo de calquera tipo de cousas, tanto necesarias coma innecesarias, cos cartos de todas. Nun momento de crise planetaria debida ó exceso de produción e consumo, unha administración pública debera ter xa posto o chip da moderación, de garantir o preciso para todas sen incentivar o consumismo como forma -errada- de satisfacer o que tantas veces son teimas do noso espíritu.

Pola outra, imos repartir cartos a quen xa temos cartos -e a darlle máis (ate 100€) a quen máis poida gastar- cos cartos de todas: os cartos públivos son de quen xa ten cartos e tamén de quen non ten nada e apenas chega a fin de mes co básico. Nun Ribadeo no que aínda vemos de xeito habitual persoas pedindo e mesmo durmindo nas rúas, destinar cartos para que quen temos abondo gastemos con máis alegría non sensibiliza nin fomenta a xustiza social e a solidariedade.

En terceiro lugar, facelo a través dun peto dixital supón que as persoas que non dispoñan dun teléfono con acceso a internet e as que carezan dos coñecementos precisos non terán acceso á subvención. Hai moitas ribadenses sen esas capacidades e pese a que desde o Concello se artelle un xeito alternativo, parece claro que os beneficios dos cartos de todas non chegarán efectivamente e coa mesma facilidade a toda a veciñanza.

Finalmente, é claro que os produtos consumidos na súa meirande parte virán de fóra, polo que non estamos aproveitando para fomentar a actividade local nos sectores primario nin da transformación, cuxo desenvolvemento precisa tanto ou máis o apoio institucional na nosa comarca. É de agradecer que as administracións traballen para favorecer o local nun marco de desglobalización como o que asistimos. Tan importante é que este traballo a debera ser unha liña estratéxica transversal a todos os sectores, non só o comercio e a hostalería. Existen xa disposicións legais que permiten favorecer ás iniciativas locais nos concursos públicos, xa sexa de contratas de limpeza, de xestión de residuos, de atención nas residencias de maiores, do abastecemento de auga, de adquisición de alimentos e mobiliario… Cómpre animar por ilo a Ribadeo e ós concellos da comarca a implementar criterios ambientais e sociais nos concursos e procesos de selección que favorezan ás cooperativas e pemes locais evitando a fuga do seu orzamento (millóns de euros dos nosos impostos) da comarca.

Remato coa cuestión etimolóxica, porque chamar moeda local a unha subvención ó consumo pode levar a confusión, subestimando a potencia das auténticas moedas locais. Pero mellor que facer aquí unha tediosa explicación sobre que son e que non son, vou recomendar á lectora que busque en internet (si, de novo a brecha dixital) a película “El Milagro de Worgl” (2018) -recentemente dobrada ó castelán por un grupo de usuarias da moeda alternativa G1- que ilustra ben o auténtico potencial das moedas locais na loita contra a pobreza e na promoción da actividade económica dun xeito integral, especialmente en tempos de crise.

Exit mobile version