Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña en Ruta retomará as súas saídas a vindeira fin de semana por Alfoz, Trabada e Xove

A Mariña, 6 de novembro de 2023. A Mariña en Ruta retomará as súas saídas a vindeira fin de semana por Alfoz, Trabada e Xove. As últimas actividades previstas para os pasados días 1, 4 e 5 de novembro tiveron que ser canceladas debido ao paso das borrascas Ciarán e Domingos pola comarca.

A Mariña en Ruta é un proxecto que está promovido pola Mancomunidade de Concellos coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. De outubro a novembro foron programadas 16 actividades, unha por cada concello que conforma o xeodestino e onde a artesanía da comarca ten un papel destacado.

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, contou que “o vindeiro sábado, día 11, realizaremos a ruta prevista por Alfoz, fortaleza entre a serra e o mar, que será guiada por Ana Pena, de Guía tu día. Para este sábado tamén programamos a ruta por Trabada, viaxe ao pasado pola Fraga da Becerreira, que será guiada por Boris Vidal. E o domingo, día 12, faremos a ruta de Morás a Portocelo, os cantís esculpidos polo mar, en Xove, na que os asistentes estarán acompañado por Boris Vidal”.

López engadiu que “estamos no outono e ás veces o tempo complícase. Agardamos poder facer todas as rutas previstas ata finais de novembro”.

As actividades de A Mariña en Ruta teñen unha duración de 2 a 4 horas e poden participar un máximo de 25 persoas mais o guía en cada un. O prezo xeral é de 5 euros para individual; 8 euros para parella; e 12 euros para familias ou grupos de ata 5 membros. A información sobre a rutas e as reservas de prazas realizarase de forma automática a través da web de Turismo de A Mariña Lucense https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta

Exit mobile version