Efrén Castro e Daniel García participaron na inauguración, cunha nutrida representación de deportistas ribadenses
Os traballos, realizados ao longo dos últimos meses, supuxeron a renovación integral das instalacións empregadas polo CP Altruán. Instaláronse vestiarios, reforzouse a estrutura construtiva do edificio e compartimentouse para habilitar espazo especifico como almacén de piraguas.
O vicepresidente da Deputación de Lugo remarcou “a súa satisfacción por ver as instalacións funcionando a pleno rendemento e a disposición das e dos deportistas do CP Altruán” e felicitou ao club “polo traballo que realiza na promoción do deporte e na posta en valor da Ría de Ribadeo como espazo de ocio activo” e “por unha temporada moi meritoria tamén no estritamente competitivo, destacando en competicións provinciais, galegas e estatais – con 112 podios ao longo do ano – e cun fito tan ilusionante como a primeira participación dun deportistas da canteira nun Campionato do Mundo con Nicolás Gayol”. “Agardamos que estas instalacións fgan máis confortable e doado un traballo magnífico, do que estamos orgullosas e orgullosos”, concluíu.
O presidente do club Jose Ángel Fernández Fernández “Fefo” valorou unha reforma que “nos dá unha nova oportunidade. unha mellora que nos dá unha nova oportunidade. Ata agora, os máis de 40 mozos e mozas que compiten tiñan que cambiarse en condicións lamentables: no exterior, mollándose e pasando moito frío. Con estes traballos teñen un sitio no que facelo a cuberto e no que se poden duchar con auga quente, algo que non era posible antes da obra”. Ademais, explicou que “o material terá unha vida útil máis longa, porque podemos almacenar as 120 piraguas e os kayaks dos que dispoñemos nun espazo saneado e con ventilación adecuada”
No acto participou unha nutrida representación de deportistas do CP Altruán, que conta con máis de 40 rapazas e rapaces competindo en distintas categorías, e representantes municipais.
Ademais da renovación das instalacións, a área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia a actividade competitiva e de promoción do deporte que realiza o CP Altrúan, a través das subvencións de concorrencia a clubs e entidades da provincia.
O club ribadense participa, xunto ao resto de clubs de augas tranquilas, na Copa Deputación de Piraguismo, patrocinada pola área de Deportes, que se confirmou nos últimos anos como unha das principais plataformas de traballo para as categorías de base. Tamén recibe apoio para a formación de piraguistas e apoio loxístico a través do Plan Provincial de Promoción do Piraguismo da Federación Galega de Piragüismo, que financia a Vicepresidencia da Deputacióin de Lugo.