Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela entrega nun emotivo acto a súa Medalla de Honra á Confraría de Pescadores polo centenario da súa fundación

Burela, 18 de novembro de 2023. O Concello de Burela entregou hoxe a súa Medalla de Honra ao patrón maior da Confraría de Pescadores, en nome de todos os patróns maiores que tivo estes 100 anos, polo centenario da súa fundación.

Nun emotivo acto, ao que asistiron moitas familias vinculadas ao mar e á confraría durante os seus 100 anos de vida e os anteriores alcaldes de Burela, a actual alcaldesa, Carmela López, entregou a medalla ao patrón maior da confraría, Basilio Otero.

“O de hoxe é un recoñecemento a toda esa economía mariñeira que fixo medrar Burela e que ten a súa orixe no pósito de pescadores, hoxe confraría de Burela; unha homenaxe a todas as persoas que traballaron no sector desde hai un século e as súas familias”, asegurou Carmela López.

Tras o acto, amenizado pola Escola de Música Municipal, inaugurouse a placa conmemorativa á confraría na praza do Concello.

A Deputación participa no recoñecemento do Concello á Confraría de Pescadores de Burela

O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este sábado no acto de entrega da Medalla de Honra do Concello de Burela á Confraría de Pescadores do municipio. A cita, que tivo lugar no Salón de Plenos, tivo como obxectivo recoñecer a contribución deste colectivo ao progreso da vila.

O Patrón da Confraría, Basilio Otero, recolleu o distintivo de mans da Alcaldesa de Burela, Carmela López, nun acto ao que tamén asistiron diferentes representantes do tecido social, concelleiros e concelleiras, e veciños e veciñas do municipio.

A Confraría de Pescadores de Burela, que cumpre 100 anos mañá, actúa como órgano de consulta e colaboración coas administracións na promoción do sector pesqueiro, representando os intereses económicos, sociais e corporativos dos seus profesionais.

Exit mobile version