Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación licita por máis de 3,5M€ a conservación dos 4.217 quilómetros da rede viaria provincial para 2024 e 2025

A Xunta de Goberno aprobou este venres a licitación do contrato, que inclúe tarefas de acondicionamento, así como as emerxencias, causas sobrevidas e as consecuencias das inclemencias meteorolóxicas nas estradas

Lugo, 17 de novembro de 2023. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres licitar por un importe de máis de 3,5M€ a prestación do servizo de conservación e mantemento dos 4.217 quilómetros que ten a rede viaria provincial, para os dous vindeiros anos 2024 e 2025.

Así o anunciou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen informou de que o contrato “está divido en 8 lotes, un por cada zona da rede viaria provincial, co obxectivo de poder actuar dun xeito máis áxil e eficaz”, tendo en conta, subliñou, que “a de Lugo é a Deputación de España con máis quilómetros de estradas, e que multiplica por tres a rede da propia Xunta de Galicia”.

Inclúense tarefas de acondicionamento, así como a atención de emerxencias, causas sobrevidas e consecuencias provocadas polas inclemencias meteorolóxicas nas vías.

Na Xunta de Goberno desta mañá tamén saíron adiante dous novos contratos para o subministración de material para o Parque Móbil da Deputación que suman, en conxunto, un importe superior ao millón de euros. Trátase, por un lado, da adquisición de emulsión asfáltica, por unha contía de case 720.000€, estimada en base a un consumo de 1.250 toneladas semestrais a un prezo de 574€ por tonelada, e prorrogable por outros 6 meses. Por outra banda, a Deputación licita por preto de 380.000€ a compra de áridos de rego asfáltico con zahorra artificial, necesario para realizar os traballos de acondicionamento nas estradas provinciais e municipais.

A Voceira socialista do Goberno anunciou ademais a licitación de obras de mellora na estrada provincial LU-P-0901, a vía que comunica as parroquias de San Juan de Tor con Martín, ao seu paso polos concellos de Monforte e Bóveda, cun investimento de máis de 132.500€. O proxecto ten un prazo de execución de 3 meses e afecta a un tramo de dous quilómetros e medio, entre o punto quilométrico 8,319 e o 10,709. A actuación consistirá na reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente, e a sinalización horizontal e vertical.

Aprobouse tamén o orzamento definitivo, por unha contía de 150.000€, para as obras de emerxencia necesarias para arranxar os danos provocados polos temporais nas últimas semanas en dous puntos do cinto comarcal, á altura dos concellos do Corgo e de Guntín. No caso de Guntín, as obras xa están finalizadas, e con respecto ás do Corgo comezarán a vindeira semana, segundo detallou Pilar García Porto.

O conxunto desta serie de investimentos aprobados hoxe pola Xunta de Goberno suman un total de 4,8M€ para seguir mellorando a mobilidade na provincia, que é precisamente, destacou a Voceira Socialista, “unha das liñas de actuación prioritarias que mantemos no Goberno provincial e así seguirá sendo, tal e como xa expuxo no Parlamento de Galicia o Presidente da Deputación na súa comparecencia para presentar as liñas estratéxicas do Orzamentos desta institución para o ano 2024”.

Cooperación cos concellos
Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou destinar 83.000€ ao Concello de Trabada para a pavimentación de accesos en varios camiños municipais de tres parroquias: Santa María; Santiago da Ría de Abres; e Santa María Magdalena da Valboa.

Así mesmo, a institución provincial aportará 200.000€ ao Concello de Taboada para a adquisición dun camión recolector compactador de residuos sólidos urbanos, “co obxectivo de reforzar os medios técnicos deste servizo público no municipio e ofrecer á veciñanza unha mellor atención”, expuxo Pilar García Porto.

Axudas a 21 asociacións de 13 concellos
Tamén na Xunta de Goberno desta mañá aprobouse o último trámite administrativo que resta para pagar a 21 asociacións de 13 concellos da provincia axudas económicas que suman un total de 115.000€, beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios que impulsa a Deputación.

“Gracias a estas axudas, as entidades asociativas puideron acometer diferentes actuacións, como melloras en locais sociais, na traída de auga, o acondicionamento de camiños, instalacións eléctricas, ou a rehabilitación de escolas veciñais”, detallou García Porto.

En total, 54 colectivos beneficiáronse do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, ao que a institución provincial destinou un orzamento de 300.000€ coa finalidade de mellorar a calidade de vida e benestar dos veciños e veciñas do rural.

Exit mobile version