A Xunta de Goberno acordou este venres actuacións para a creación, mellora e mantemento de servizos públicos en beneficio da veciñanza
Lugo, 3 de novembro de 2023. A Xunta de Goberno aprobou este venres investimentos por preto de 360.000€ para a creación, mellora e mantemento de servizos públicos dos concellos de Viveiro, Castroverde e Guitiriz, respondendo así ao papel da Deputación como Concello dos concellos co fin de ampliar as prestacións e a calidade de vida da veciñanza.
No caso de Viveiro, a institución provincial destina 200.000€ para a dinamización do turismo no municipio mariñano, con accións como o reforzo da información e a potenciación das rutas turísticas, a contratación de concertos para as festas patronais, ou o alugueiro de escenarios para as actuacións e eventos culturais. Así mesmo, servirá para o mantemento de servizos públicos, como é o caso do cemiterio municipal ou a praza de abastos, o alumeado público e o servizo de podas, entre outros.
A Deputación investirá en Castroverde 150.000€ para mellorar a mobilidade no concello co acondicionamento de vías que discorren polos núcleos de Miranda, Vilacote, Lourentín, Furís de Abaixo, Riomol e A Meda; a pavimentación con formigón do núcleo de Miranda e a mellora da recollida de augas pluviais de Folgueiras.
Con respecto a Guitiriz, a Xunta de Goberno autorizou a aplicación de remanentes da obra de humanización da rúa Boa Veciña para continuar urbanizando este céntrico lugar da parroquia de Lagostelle. Son 7.324,20€ que servirán para completar con novos materiais esta obra, que ten como obxectivo darlle unha nova cara a esta zona.
A Deputación destinou 114.000€ para a rehabilitación e pavimentación dun firme máis groso nos 280 metros de lonxitude rúa Boa Veciña, a redución da altura existente entre a calzada e as beirarrúas, así como a substitución do mobiliario urbano coa instalación de novos bancos e papeleiras integradas coa contorna. Esta é unha das vías máis usadas por guitiricenses e visitantes, xa que se trata dunha das entradas desde a autovía cara o centro da localidade que desemboca na Avenida da Coruña, e tamén punto de paso para outras céntricas vías.
Noutra orde de asuntos, na Xunta de Goberno de hoxe tamén quedaron aprobadas as bases que rexerán as convocatorias de tres liñas de axudas para os empregados e empregadas da Deputación de Lugo e as súas familias: bolsas de estudos, axudas para as escolas infantís, e axudas para a adquisición ou rehabilitación da vivenda habitual.