Foz, 24 de novembro de 2023. A concelleira de Economía en Foz, Inés López Couto, asegura que “o trompetazo de Castiñeira foron as eleccións” e considera que “se a oposición non ten nada que aportar é mellor que deixe traballar”. E lembra que “o pago das ocupacións de vía por terrazas de hostalería está derrogado dende mediados de 2021 e polo tanto leva dous anos e medio sendo gratuíta para axudarlles aos negocios a recuperarse da covid19”. Inés López subliña que “o Concello estivo axudando ao tecido empresarial durante todo este tempo. Agora faise unha ordenanza nova similar á de moitos outros Concellos, con pagos moi inferiores a outros municipios de costa. Os espazos públicos son de todos e debe equilibrarse o uso privado dos mesmos”.
A edil de Economía considera que “o señor Castiñeira quizais debería de deixarse de tanto teatro, de animaladas e de sablazos e aportar algo máis que palabras rimbombantes. No ano 2014 e seguintes, cando se dedicou a subir o IBI todos os anos de forma acumulativa, o agora líder da oposición non debía saber as fórmulas necesarias para aumentar os ingresos sen ter que subir impostos, como di. Igual agora as descubriu e quere explicarllas a todas as administracións”.
E Inés López engade: “que van votar non a todo xa o sabemos. Vótanlle non a Foz e vótanlle non á mellora dos servizos e infraestruturas de Foz”.