Foz, 2 de novembro de 2023. A Aula Universitaria da UNED de Foz vén de inaugurar unha nova sección denominada UNED Foz mes a mes, na que se expón a programación da aula para cada mensualidade. Así o anunciaron a concelleira da Aula Universitaria, Elena Martínez Pena, e a coordinadora da mesma, Marta Muiña Rodríguez. Para este mes de novembro deron a coñecer tres actividades: unha exposición e dous cursos de extensión universitaria.
A exposición do CEIDA, que leva por título O coidado do noso mar, estará ubicada na sala de exposicións do CENIMA do 6 ao 30 deste mes.
En Extensión Universitaria anúnciase unha formación en francés básico, en concreto no Nivel A2 do MCERL, do 3 ao 16 de novembro; e outra centrada na vulnerabilidade da infancia denominada Análise do maltrato físico, psíquico e emocional da infancia (Desenvolvemento da Lei 8/2021 de Protección Integral da Infancia e a Adolescencia), do 27 de novembro ao 1 de decembro.
Tanto a concelleira como a coordinadora da aula inciden “na necesidade da proxección dunha formación integral dende a Aula de Foz, que inclúa campos do saber diversos e que resulten de interese para a poboación”. Ademais avanzan que esta será a liña de traballo a seguir nos vindeiros meses, aproveitan para recordar que se ampliou o prazo de matrícula ata o vindeiro 7 de novembro e animan á cidadanía a achegarse a Aula Universitaria de Foz, contactar no teléfono 982.133.699, por WhatsApp ao 604.034.549 ou a través do correo electrónico foz@lugo.uned.es para pedir información e participar das actividades.