Ribadeo, 5 de novembro de 2023. O vindeiro luns, 6 de novembro, dará comezo o proxecto Saúde e Emerxencias, que realizará o Programa Prevención Drogodependencias e outros trastornos adictivos do Concello de Ribadeo coa colaboración de Camilo Vázquez Corveiras, enfermeiro, coordinador autonómico de SEMES RCP e Instrutor de Soporte Vital Avanzado.
No proxecto abordaranse os seguintes contidos: información sobre o alcohol e o cannabis, como axudar ante un caso de intoxicación por alcohol ou cannabis, como activar o servizo de emerxencias médicas (061), como usar un desfibrilador (soporte vital básico).
A metodoloxía a usar serán audiovisuais e prácticas co desfibrilador para todo o alumnado, por ese motivo as sesións durarán 2 horas para cada grupo natural de aula.
No proxecto Saúde e Emerxencias participarán 150 alumnas e alumnos dos centros de ensino de Ribadeo: 4º ESO do IES Dionisio Gamallo Fierros, 1º E 2º DE FP Básica do CIFP Porta da Auga, 4º de ESO do Colexio Sagrado Corazón e 4º DE ESO do IES Enrique Muruais de A Pontenova.
Saúde e Emerxencias está organizado pola Concellería de Benestar Social, Saúde e Familia dentro das actividades do Programa de Prevención de Drogodependencias e outros trastornos aditivos.
O programa, que comeza o 6 de novembro, estenderase durante os días 13, 14, 16 e 17 nos distintos centros de ensino participantes.