Ángeles Vázquez e Daniel Vega estudarán tamén novos investimentos neste espazo natural, un dos máis visitados da Comunidade, e concretamente no aparcamento
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2023. A Xunta de Galicia e o Concello de Ribadeo analizarán a posibilidade de colaborar na mellora e homoxeneización da sinalización instalada actualmente no Monumento Natural das Catedrais co fin de potenciar a preservación dos valores medioambientais deste espazo a través da actualización da información e a cartelería dirixida aos visitantes. Ademais, estudarán tamén novos investimentos nesta zona como, por exemplo, no aparcamento.
Así o acordaron a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor municipal, Daniel Vega, que se reuniron recentemente para abordar este e outros asuntos de interese municipal.
En concreto, cómpre indicar que nestes momentos se está a redactar unha proposta entre o Concello e a Xefatura Territorial de Medio Ambiente en Lugo para actualizar, renovar e garantir a homoxeneidade dos diferentes carteis e sinais instalados no monumento natural e nos que se recolle información de interese e relevancia sobre este espazo natural e a forma de acceder ao mesmo, entre outras cuestións.
Tras lembrar que As Catedrais é desde hai anos un dos lugares máis visitados de toda Galicia, a vicepresidenta e o alcalde subliñaron a importancia de contar cunha sinalización completa e axeitada na zona, así como na necesidade de garantir o mellor aproveitamento posible da zona habilitada como aparcamento.
Por último e noutra orde de cuestións, Xunta e Concello de Ribadeo estudarán tamén a posibilidade de establecer novas liñas de colaboración en materia urbanística no municipio a través do Plan Hurbe.