Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro terá representación na comisión executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Lara Fernández Fernández-Noriega será vocal no ciclo 2023-2027

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2023. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade abriu un novo ciclo 2023-2027 cunha Asemblea Xeral na que se aprobou por unanimidade a composición da nova Comisión Executiva.

O Concello de Viveiro estará representado nesta executiva coa presenza como vocal da concelleira Lara Fernández Fernández-Noriega. “É importante formar parte dunha organización que traballa no eido da cooperación ao desenvolvemento cunha xestión profesional e transparente, que realiza proxectos con impacto nos países do Sur Global e sensibiliza á sociedade galega a prol da solidariedade internacional”.

O Concello de Nigrán renova a presidencia na persoa do alcalde, Juan González, mentres que a vicepresidencia será para o edil de Cartelle Daniel Fernández.

Representantes duns corenta concellos participaron na Asemblea Xeral en Santiago, que se abriu cun balance do período 2019-2023 por parte do seu presidente. Juan González expresou como “o Fondo Galego permite que calquera municipio achegue o seu gran de area á construción dun mundo mellor, pois aportando moi pouquiño temos a posibilidade e o orgullo de facer cooperación internacional”.

O rexedor situou entre os logros do mandato a adopción dun sistema de cotas máis proporcional, o relanzamento da cooperación técnica realizada por persoal municipal, o impulso á implementación da Axenda 2030 no eido local ou a creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS.

O equipo técnico da entidade repasou a continuación as accións que se están a promover no ano en curso e presentouse tamén en primicia a campaña ‘313 Olladas Solidarias’, que o Fondo Galego desenvolverá neste último trimestre por toda Galicia co fin de ampliar o número de administracións locais socias.

Exit mobile version