O espectáculo forma parte do ciclo ‘Ler Conta Moito’, e servirá para celebrar o Día das Bibliotecas
Viveiro, 20 de outubro de 2023. O Concello de Viveiro acollerá mañá, sábado día 21 de outubro, o espectáculo ‘O que levamos nas maletas’, do músico e cantante Magín Blanco, para público a partir de 3 anos. Será ás 12:00 na sala multiusos do Concello.
A actuación forma parte do ciclo ‘Ler Conta Moito’ da Biblioteca Municipal de Viveiro. Estaba prevista inicialmente para o día 7 de outubro, pero un accidente sufrido polo artista obrigou a adiar a data ao día 21.
A concelleira de Cultura de Viveiro, Lara Fernández Fernández-Noriega, destaca que, con esta actividade, o Concello “continúa coa súa aposta por promover a lectura dende a infancia dun xeito divertido á vez que educativo”. “Alegrámonos moito de que Magín Blanco poida por fin vir ao noso Concello para deleitarnos co seu espectáculo”, engade.
Con esta actuación, o Concello comeza coa conmemoración do Día das Bibliotecas, que terá lugar este martes como cada 24 de outubro.
Fernández Fernández-Noriega sinala que “a biblioteca pública de Viveiro é un referente para os veciños e as veciñas e sobre todo para os máis pequenos”. “A cotío temos visitas guiadas dos centros educativos, é moi importante continuar con este labor de divulgación entre a cativada para dar a coñecer estas instalacións tan marabillosas das que dispoñemos”, destaca a concelleira.