En total máis de 1.230 persoas de 55 entidades percorrerán este outono a provincia, ata o 7 de novembro
Lugo, 10 de outubro de 2023. Preto de 140 persoas viaxan esta semana co programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. Son veciños e veciñas dos municipios de Barreiros, Navia de Suarna, Lourenzá, Lugo, Taboada e Pantón os que percorrerán diferentes puntos do territorio -desde o martes e ata o venres- a través desta iniciativa de rutas gratuítas que impulsa a institución provincial para colectivos sen ánimo de lucro, co obxectivo de fomentar o coñecemento da provincia e favorecer o turismo de proximidade.
Este martes as mulleres rurais Tea de Araña de Barreiros e Ledicia de Navia de Suarna serán as protagonistas, con excursións á Ribeira Sacra e á Mariña. As primeiras comezaron a xornada cunha parada na Granxa Gayoso Castro da institución provincial, onde foron recibidas polo Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto, antes de continuar cara Taboada e Chantada. Por outro lado, as mulleres do colectivo da Montaña foron a Cervo para coñecer a fábrica de Sargadelos e a vila de San Cibrao.
Veciños e veciñas de Lourenzá e Lugo viaxarán mañá mércores. A asociación San Adriano do municipio laurentino visitará Sober con parada polo camiño no Centro de Interpretación Terras do Miño, en Lugo, xestionado pola Deputación; mentres que o colectivo veciñal de Santa Eulalia de Esperante coñecerá Barreiros e Ribadeo previa parada no Pazo de San Marcos.
As viaxes rematarán esta semana o venres coa excursión da veciñanza de San Martiño de Couto, de Taboada, á Mariña e a da Asociación Cabalo Branco de Santiago de Cangas, de Pantón, á Montaña. Os primeiros visitarán a Granxa Gayoso Castro, percorrerán a pé o paseo marítimo de Barreiros e visitarán as praias das Catedrais e Rinlo antes de percorrer o casco histórico de Ribadeo; mentres que os segundos iniciarán a ruta no Mazo de Santa Comba antes de achegarse ata Piornedo, para despois visitar a localidade de Navia e unha fábrica de embutidos.
En total son máis de 1.230 persoas de 55 entidades da provincia as que percorrerán este outono a provincia, ata o 7 de novembro, con este programa que a Deputación puxo en marcha co obxectivo de que a veciñanza coñeza mellor toda a riqueza patrimonial das distintas comarcas lucenses e dinamizar desta forma a economía local, sobre todo o turismo, a hostalería e o comercio. Ademais, promóvese a actividade en meses nos que os negocios e recursos turísticos teñen menos fluxo de visitantes, o que dinamiza este sector tan importante para a economía da provincia de Lugo.
O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.