Iria Castro presentou a publicación “Edelmiro Méndez. Da terra que fomos”, da editorial Canela
Lugo, 26 de outubro de 2023. Esta tarde presentouse na Pontenova o libro “Edelmiro Méndez. Da terra que fomos”, unha recompilación de imaxes do fotógrafo pontenovés Edelmiro Méndez publicada pola editorial Canela coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A deputada de Cultura Iria Castro acompañou ao autor do libro Xose Manuel Méndez e ao editor Pablo Quintana nun acto con moito público, entre o que se encontraban familiares e varias das persoas cuxos retratos se recompilan no libro.
Iria Castro valorou o traballo de Xosé Manuel Méndez “na conservación e dixitalización do patrimonio fotográfico da familia, que dá orixe a este libro ” e ao editor e destacou “a importancia de colaborar con este tipo de publicacións que son unha ferramenta para coñecer unha parte da nosa historia, a través de rostros e paisaxes próximas”
“Edelmiro Méndez. Da Terra que fomos” contén 226 fotografías das que 219 foron tiradas en branco e negro por Edelmiro Méndez entre os anos 1957 e 1964 no actual concello lugués da Pontenova, conformando un conxunto de gran valor histórico, etnográfico e documental que representa a sociedade local tradicional, recoñecible aínda por moitas persoas, cando iniciaba a transformación que se consolidaría anos despois.
A través dunha mirada limpa e ordenada, chea de maxia, os suxeitos transcenden o obxectivo da cámara fotográfica mostrando unha profunda complicidade co fotógrafo, con quen mantiñan unha relación próxima propiciada pola súa empatía e por ter exercido anteriormente como zapateiro e gaiteiro, e tamén porque a súa esposa Pilar rexentaba unha taberna en Xinzo.
O discurso visual do libro percorre o ciclo vital das persoas, que o fotógrafo rexistra desde o nacemento ata a morte, nas festas lúdicas e relixiosas, romarías, xogos, divertimentos, vodas, mallegas e outros aspectos do ciclo agrícola, festivo, etc.
Completan a obra os textos de bos coñecedores do traballo fotográfico de Edelmiro Méndez, como son: Xosé Manuel Méndez, o seu fillo maior; José M. Salgado, fotógrafo profesional e editor gráfico desta obra; Anxo Fernández Ocampo, especializado en antropoloxía visual e docente na Universidade de Vigo, e Xoán Ramiro Cuba, etnógrafo e escritor.
O libro é o cuarto volume da colección Imaxes dun país da editorial Canela.