Fran Cajoto explica que “A Mariña, xunto ao norte da Coruña, é o principal centro produtor de eucalipto de España. Os montes son a hucha de moitas familias e debemos coidalos. Estes incendios foron un aviso de que hai que mellorar a xestión e facelo con urxencia”.
O alcalde de Foz defende unha profesionalización do servizo de prevención e defensa contra o lume: “as competencias en montes e aproveitamentos forestais é da Xunta de Galicia. O modelo de convenios cos concellos para crear brigadas municipais con persoas en paro durante dous ou tres meses quedou desfasado; non resulta atractivo un traballo unicamente para dous meses e as prazas quedan desertas”. O rexedor focego aposta por máis persoal e máis profesionalizado, contratado directamente pola Xunta de Galicia. “Os incendios na Mariña foron en outubro. Precisamos de persoal profesional e contratado todo o ano que en momentos de baixo risco de incendios faga tarefas de prevención, como desbroces ou acondicionamento de depósitos de auga”, engade Cajoto.
O alcalde reclama tamén a presenza de motobombas e persoal suficiente repartidas no territorio: “en Foz permanece de garda unha motobomba de Medio Rural en dependencias municipais do parque empresarial de Fazouro. Agardamos que non se suprima cando se remate a base BUO que está a construír a Axencia Galega da Industria Forestal”. Tamén ve necesario recalcular os medios de extinción tras estes incendios e que a Xunta asine un convenio co Principado de Asturias: “ao incendio de Foz acudiron medios de toda Galicia, de sitios tan distantes como Lalín. Sen embargo medios do Principado, que están moito máis próximos non se achegaron: debemos superar as barreiras administrativas cando estamos nun mesmo Estado como é España. Un convenio entre as dúas comunidades autónomas sería moi beneficioso para unha comarca coma a nosa”.
Ademais, Fran Cajoto reclama un estudo “para analizar a mellora e ampliación dos depósitos, hidrantes e puntos de captación do distrito e definir camiños principais ou prioritarios para zonificar os montes e que sirvan de cortalumes. Hai outros aspectos da xestión forestal como a dos puntos de carga de madeira que non podemos esquecer, para que a actividade da saca de madeira non prexudique aos veciños da zona. Pedimos investimento real, que os mapas de franxas de protección se completen coas vivendas illadas. Falamos do papel fundamental que tiveron na extinción dos incendios de Foz as cisternas dos gandeiros da zona e o conselleiro avanzou a intención de incluílas nos operativos dunha forma máis profesional, con comunicación directa cos postos de mando, para evitar riscos. Tamén se programarán desde a Consellería xornadas informativas nos concellos afectados para informalos e asesoralos na venta da madeira queimada e na repoboación dos montes”.