A institución provincial inviste uns 5,5M€ en diferentes programas para favorecer a dixitalización de PEMES e concellos, e colabora coa CEL con 40.000€ para impulsar as empresas e autónomos da provincia
Lugo, 11 de outubro de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este mércores na presentación do programa de formación Xeración Dixital PEMES da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e o Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA), que conta co financiamento do Goberno de España. Na cita, que tivo lugar no salón de actos da CEL, Tomé Roca destacou o valor da dixitalización para a competitividade empresarial da provincia e subliñou, nese sentido, que a institución provincial inviste uns 5,5M€ en diferentes programas para mellorar nesta competencia, tanto dirixidos ao empresariado, como ás administracións locais.
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; o secretario xeral da CEL, Jaime López; e o presidente da escola de negocio de CESUGA, Venancio Salcines; participaron tamén neste acto no que o Presidente da Deputación valorou un proxecto de formación na dixitalización que “vai na mesma liña de traballo que desenvolvemos dende a Deputación de Lugo dende xa hai tempo, dentro da nosa firme aposta por apoiar e por colaborar co tecido produtivo, que, de feito, é unha das liñas prioritarias de actuación do Goberno que presido”.
Lembrou que o ano pasado a Deputación de Lugo desenvolveu o programa Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, en colaboración coa Escola de Organización Industrial, que depende do Ministerio de Industria, “a través do que ofrecemos asesoramento gratuíto a unhas 500 pequenas e medianas empresas da provincia en materia de dixitalización”. Engadiu que, dende principios deste ano 2023, “estamos desenvolvendo, tamén co apoio do Goberno do Estado, o programa Acelera PEME, grazas ao que xa asesorou a máis de 1.200 empresas e autónomos para mellorar o seu negocio con ferramentas dixitais” e, paralelamente, a institución provincial fomenta a dixitalización dos concellos da provincia con fondos europeos transferidos polo Ministerio de Política Territorial.
Esta forma, destacou, “é unha satisfacción ver como xorden novas iniciativas que reforzan e amplían todo este traballo, co respaldo do Goberno do Estado, e da man do propio tecido produtivo, representado pola Confederación de Empresarios de Lugo, e de CESUGA”. Iniciativas que, segundo apuntou, “contribúen de maneira moi importante a fortalecer e a diversificar o tecido empresarial da provincia, a gañar competitividade e produtividade, e a abrir novos mercados. Polo tanto, a xerar máis riqueza e emprego”.
“Competir nos mercados globais esixe ás empresas unha actualización permanente das súas competencias dixitais, un proceso que resulta máis complexo para as pequenas e medianas empresas. Por iso, hai unha parte moi importante dos fondos europeos dedicados a este obxectivo”, destacou o Presidente, que puxo o acento en que para ser efectivos “non basta con que os fondos europeos cheguen”, senón que “deben xestionarse con transparencia e con dilixencia, garantindo que chegan aos sectores que o precisan e que serven aos obxectivos para os que foron creados”.
A Deputación, coas empresas e autónomos
Reivindicou o Presidente a participación das administracións locais na xestión dos fondos, recordando que na Deputación de Lugo “conseguimos un nivel de execución do Orzamento de gasto dun 85% anual”, e nese sentido defendeu que as deputacións “somos administracións eficientes, pegadas ao terreo, cun fondo coñecemento do entorno, que podemos axudar aos concellos e ao tecido produtivo a acceder e a xestionar este tipo de recursos económicos”.
Lamentou que a Xunta de Galicia non colabore máis coas administracións locais como fai o Goberno de España, o que “sen dúbida, axudaría a mellorar o grao de execucións dos fondos que están recibindo, e que realmente é moi pobre”.
“As empresas e autónomos da provincia saben que sempre contan coa man tendida da Deputación”, recalcou o Presidente, quen sinalou que a institución provincial –que achega á CEL 40.000€ este ano- seguirá apostando “sempre pola modernización do noso tecido produtivo e por todas as accións formativas que melloren a competitividade das empresas, porque iso favorece o desenvolvemento social e económico da provincia, o obxectivo prioritario que temos marcado na Deputación de Lugo”.