O concelleiro de Medio Ambiente, Diego Dos Santos, dixo que “todas as charlas terán lugar na Casa do Viejo Pancho. O 9 de outubro haberá tres sobre biorresiduos: ás 10:30, ás 11:30 e ás 12:30 horas. O día 18 de outubro teremos dúas charlas sobre compostaxe: ás 19 e ás 20 horas. E finalmente o día 23 están programadas dúas charlas mais sobre biorresiduos: ás sete e ás oito da tarde”.
O edil ribadense dixo que “son sete charlas, que estarán abertas a todo o público, e que se fan no caso dos biorresiduos pola mañá e pola tarde para facilitar que poidan acudir o maior número de persoas posible”.
Dos Santos indicou que “temos que ir afacéndonos a reciclar cada día un pouco máis. No contedor marrón poderemos depositar restos de froita e verdura, de carne e de peixe, cáscaras de ovo, de marisco e de froitos secos, pousos de café ou restos de infusións”.
E engadiu: “con todo iso que botemos no contedor marrón despois poderase facer compost biorresiduo, que se poderá aproveitar como fertilizante e incluso como xerador de enerxía. De todo o que implicará a implantación do contedor marrón será do que nos falen nas charlas que se van celebrar en Ribadeo os días 9, 18 e 23 de outubro”.