O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, lembrou que o Goberno galego ofrece apoio económico e asesoramento técnico para mellorar a competitividade das empresas galegas
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou a importancia destas xornadas de encontro cos empresarios, nas que poñer en común estratexias e explicar as liñas de apoio que facilitan a posta en marcha, ampliación, dixitalización ou internacionalización das empresas galegas.
Neste sentido, sinalou que o tecido empresarial demanda asesoramento próximo e personalizado, e con tal fin abríronse as oficinas Conecta Lugo en Ribadeo e Monforte de Lemos ou os Polos de emprendemento do Goberno galego en Mondoñedo, Friol, A Fonsagrada e Monforte de Lemos, aos que se unirá Sarria o vindeiro ano. “Garantimos acompañamento aos empresarios en cada fase de negocio e calquera que sexa o obxectivo”, afirmou Arias.
O delegado lembrou que a Xunta traballa para fomentar a actividade económica e o emprego de calidade, e subliñou que Galicia será pioneira en establecer a Cota cero para os novos autónomos, subvencionando o 100 % das cotizacións dos primeiros 12 meses para as persoas que se dean de alta entre o 30 de setembro de 2023 e o 30 de setembro de 2024.
Prevese que esta medida poida poida chegar a unhas 10.000 persoas e será compatible coas axudas que a Xunta xa ten en marcha para o inicio da actividade autónoma, que tamén incrementarán notablemente o orzamento, de modo que cada novo autónomo en Galicia poida percibir ata case 8.600 euros en achegas.
Por último, Arias instou aos empresarios a interesarse polos programas de axuda económica que convoca o Goberno galego e “apostar pola innovación para gañar en competitividade”.