Pablo Díaz lembrou que no 2021 o Alcalde se comprometeu a investir 1,5M€ na creación dun centro para as persoas dependentes e a telo rematado no prazo dun ano e que logo xustificaron o retraso no cofinanciamento da Xunta de Galicia, que se comprometeu a sufragar o 50% dos gastos
“Hai máis de tres anos que este grupo presentou unha proposta para levar a cabo a construción dunha residencia da terceira idade no noso concello, algo moi demandado e moi necesario para os nosos veciños e veciñas dende hai moitos anos”, expuxo o socialista. Díaz lamentou ter que solicitar un Pleno extraordinario para abordar o asunto, “o que demostra o nulo interese do equipo do goberno do PP para a súa creación”.
Explicou o socialista que en xullo do 2021 o Alcalde anunciou que o Concello ía crear unha residencia de maiores “no prazo de menos dun ano e que o custo da obra, que sería financiada polo Concello, acadaría os 1,5M€”. Díaz relatou que pasada a data na que tiña que estar rematada a obra, os socialistas presentaron unha nova proposta para obter información sobre a situación na que se encontra. “Soubemos que xa non ía ser financiada polo Concello, que tiñan que asinar un convenio coa Consellería, e que esta ía achegar un pouco máis do 50% do orzamento total, valorado en 2M€”, explicou.
Lamentou tamén o socialista os cambios de criterio do Alcalde, que primeiro anunciou a financiación municipal da residencia para “segundo dixo, poder facela canto antes, e aínda non coñecemos tan sequera o proxecto da mesma a pesar de solicitalo”.
“Non imos permitir que sexa outra promesa incumprida do Alcalde como foron as axudas económicas que ía a dar aos sectores afectados pola pandemia, ou o acordo para o arranxo do céspede do campo de fútbol ou o PXOM entre outros”, sentenciou Pablo Díaz.
Na súa moción, os socialistas fan unha proposta para levar a cabo a construción dunha residencia de maiores “tan necesaria e demandada polas nosa veciñanza e para así poder atender ás persoas maiores e en situación de dependencia no noso Concello”.