Consideran necesario que se manteña vixente mentres persista a actual situación de elevados prezos e dar así estabilidade e alivio a este sector
Compostela, 13 de outubro de 2022. Os populares galegos piden ao Goberno de España que recupere a bonificación de 20 céntimos por litro de combustible a favor de condutores profesionais e transportistas. Lembran que este colectivo vese na obriga de asumir o custe íntegro do gasóleo desde o pasado 1 de outubro ante a negativa do Executivo que preside Pedro Sánchez a prorrogar este desconto.
O voceiro de infraestruturas do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, explicou que formularon esta demanda a través dunha iniciativa no Parlamento de Galicia na que insisten na necesidade de que o Goberno rectifique na decisión de eliminar esta bonificación, porque ademais coincide coa escalada xeral dos prezos dos carburantes que asfixia a familias e empresas.
“A eliminación deste desconto chega no peor momento posible. Só o gasóleo experimentou unha suba dun 20% nos últimos meses. Desde o sector alertan que viron incrementar o custe de encher o depósito en máis de 1.500 euros ao mes, este concepto xa supera o 40% do total dos gastos que teñen este tipo de vehículos”
Só en Galicia as mercadorías por estrada concentran o 6,97% das operacións de tráfico intrarrexional do territorio nacional e representan o 1% do PIB, cifras ás que teríamos que engadir a actividade doutros condutores profesionais. En España hai preto de 4,5 millóns camións e furgonetas que consumen gasóleo “Son profesionais que dependen dos seus vehículos para traballar, como é o caso dos transportistas, os taxistas ou os repartidores, entre outros”.
Pero a petición dos populares galegos vai máis aló e piden ao Goberno central que se comprometa a manter vixente esta bonificación de 20 céntimos por litro de combustible mentres persista a actual situación de elevados prezos dos carburantes, “para dar estabilidade e aliviar a situación do sector”.