A través da iniciativa parlamentaria rexistrada, demandan explicacións sobre os motivos que provocan que este colectivo leve sen cobrar as súas nóminas dende o verán e, en consecuencia, en folga indefinida dende setembro
Lugo, 16 de outubro de 2023. Os deputados do PP de Lugo -Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades- interésanse no Congreso pola “crítica situación” dos traballadores do servizo de limpeza das oficinas que a empresa pública Correos ten na provincia, e que se manteñen en folga indefinida dende setembro, debido a que a empresa concesionaria da prestación non paga as súas nóminas dende o pasado mes de xullo.
Concretamente, os populares veñen de rexistrar varias preguntas na Cámara Baixa co fin de que o Executivo en funcións explique se é coñecedor das demandas dos afectados e, en consecuencia, que previsións manexa para solucionar a problemática que se estende a todo o país. Os deputados recollen así “o sentir” deste colectivo que, durante as últimas semanas, denunciaron incumprimentos reiterados da empresa concesionaria polo impago dos seus salarios en toda Galicia e, de xeito particular, na provincia de Lugo.
E é que, segundo informaron os afectados aos deputados nunha reunión mantida na sede do PP lucense, o pasado 1 de xuño a empresa trasladoulles que non procedería ao pagamento dos salarios porque o contrato non cubre os gastos. Isto provoca que dende o mes de xullo os traballadores que a entidade á que Correos ten subcontratada esta prestación non estean a percibir ningún tipo de ingreso polo seu traballo.
Cunha vontade clara de “ser parte da solución”, os deputados lucenses amosaron o seu apoio aos traballadores e comprometéronse “a liderar este asunto no Congreso para que se nos informe, din, se o Executivo de Sánchez é coñecedor da situación e, o que é máis importante, se ten previsto solucionar o problema”. E é que, segundo remarcan, “non podemos esquecer que detrás de cada nómina hai familias con fillos que teñen que soportar igualmente o seus gastos pero coa diferencia de que non cobran polo traballo que fan”.
“SR. SÁNCHEZ GOBERNAR É XESTIONAR; NON SÓ FIGURAR”
Os populares defenden que “o Goberno non pode seguir mirando para outro lado”. “Lamentamos e solidarizámonos con estes profesionais”; de aí que lle pidan ao Executivo “unha xestión eficiente que salvagarde os dereitos dos traballadores”.
“Sabemos que o Sr. Sánchez o que lle preocupa e ocupa é manterse na Moncloa, pero gobernar é xestionar e non só figurar”. Os populares fan esta afirmación amparándose no informe da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), que revela non só que a empresa acumulará perdas millonarias a finais de ano, senón que o número de envíos por paquetería en 2022 diminuíu 18 puntos porcentuais con respecto a 2018, ou que no mercado doméstico non logre ser líder. A mesma fonte advirte máis datos negativos, como que en ningún país europeo se producíu unha caída tan pronunciada da correspondencia; algo que cobra máis importancia se cabe se se ten en conta que o 90% dos ingresos de Correos proveñen da facturación dos produtos locais e da paquetería.