O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, lembra que consisten en descontos de 30 euros por persoa e poderán empregarse ata esgotar os 2,5 millóns de euros asignados ao programa
Lugo, 10 de outubro de 2023. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentou hoxe a nova edición do Bono Activa Comercio, que pode usarse desde esta semana nos máis de 750 establecementos adheridos na provincia.
Arias visitou catro comercios da cidade de Lugo que participan na iniciativa -Pekes, Lolita Blu, Baron e Lectocosmos- e explicou que cada persoa poderá descargar na web (www.bonosactivacomercio.gal) un bono desconto de 30 euros.
O obxectivo é mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas e para garantir ese investimento repítese a fórmula da última convocatoria, pola que non se limita o número de usuarios que poden descargar o bono pero non poderá empregarse unha vez que o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros asignados ao programa.
Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga e uso por parte dos consumidores ata o 31 de decembro, salvo esgotamento previo do orzamento destinado. Os comercios que queiran adherirse a esta iniciativa poderán facelo ata o 15 de decembro.
O delegado lembrou que a anterior campaña, desenvolvida antes do verán con idéntico orzamento, conseguiu mobilizar na provincia vendas por valor global de case 1,5 millóns de euros en menos de tres semanas. Entre os sectores máis beneficiados figuran o téxtil, calzado, xoguetes ou ópticas.
Esta cuarta edición conserva as mesmas características e descontos. Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. Só se permitirá descargar un único bono por persoa, e o importe irase reducindo en función do valor da compra.
Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Arias destacou que a Consellería de Economía, Industria e Innovación amosa o seu compromiso tanto co comercio local como coas persoas consumidoras para contribuír a reducir o impacto da inflación.