Site icon Crónica3.com A Mariña

Ollomao estrea este venres en Reinante “O traballo de Andrea”

“O traballo de Andrea”, unha adaptación do texto catalán “Treball de recerca” orixinal de Ignasi García i Barba é a nova proposta do grupo barreirense

Barreiros, 23 de outubro, 2023. Andrea é unha moza que está preparando a súa tese de doutoramento. Para iso decidiu facer un traballo de investigación sobre o destino que correron os exiliados do seu pobo ao final da Guerra Civil. A súa intención é reunir as súas vivencias e propor ás autoridades que lles fagan algún tipo de homenaxe.

Aparentemente unha investigación deste tipo, nos nosos días, non debería supor ningún problema, sen embargo nada máis empezar xa se decata de que a cousa non é tan sinxela como ela pensa. O mutismo total que hai na vila sobre ese tema fainos recordar o título daquela película alemá sobre o periplo do fiscal que levou a xuízo os crimes do nazismo (A conspiración do silencio).
“O traballo de Andrea” é un drama. O drama no que se ve metida unha rapaza que o único que busca e descubrir a verdade. O drama dunha vida que está empezando e que se ve envolta nun mundo de segredos que ninguén quere, aparentemente, desvelar. E ao mesmo tempo, o drama do seu mundo persoal no que tamén hai segredos difíciles de asumir.

“O traballo de Andrea” é unha obra sobre o papel que xogan as novas xeracións na preservación da Memoria Histórica da Guerra Civil e a Postguerra.

Por primeira vez Ollomao abandona o mundo da comedia e enfróntase a un drama con unha grande complexidade tanto a nivel conceptual como formal. En definitiva, un novo reto, se cadra o máis arriscado ata agora, do grupo de teatro Ollomao.

A estrea terá lugar nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante, os vindeiro días 27 e 31 de outubro e 1 de novembro.

A primeira función será o venres 27 ás 22:00 horas, a segunda o martes 31 ás 20:30 horas e a terceira o mércores 1 de novembro ás 19:30 h.

As entradas, que terán un prezo de 4 euros, poderán reservarse por whatsapp no número 678 546 526 e deberán recollerse na billeteira ata media hora antes de empezar a función. Pasado ese tempo poñeranse á venda.

Ademais destas representacións, o domingo 29, ás 20:00 h., haberá unha nova función desta mesma obra, neste caso en Ribadeo dentro da mostra de teatro Daniel Cortezón

Exit mobile version