Site icon Crónica3.com A Mariña

Ollomao estrea a súa última produción en San Miguel de Reinante os días 11 e 12 de outubro

“Pan con chocolate”, unha creación do grupo a partir de textos literarios clásicos, é o título desta nova proposta do grupo barreirense

Barreiros, 5 de outubro, 2023. Textos tan dispares como poden ser as “Memorias dun neno labrego” de Neira Vilas, “Cousas” de Castelao, “Dos arquivos do trasno” de Dieste ou “El camino” de Miguel Delibes, entre outros, serven de punto de partida para a creación desta obra que presenta Ollomao.

Un grupo de amigos e amigas reúnense para celebrar a xubilación e, inevitablemente, recordan as cousas da súa vida. Así, pouco a pouco, van saíndo temas que a todas e todos nos resultan familiares e que nos van recreando aquel mundo de cando eran nenos e nenas nos anos 60-70 do século pasado.

Un mundo no que a mocidade soña con marchar da aldea para acadar unha vida “mellor” na cidade ou mesmo no estranxeiro (Francia, Alemaña, Suíza)… No que aínda perduran (e canto tempo seguirán perdurando!) vellas ideas fondamente arraigadas. Ideas que farán que haxa xente que marche da aldea non só pola atracción urbana senón tamén pola exclusión social na propia aldea. É o caso dos fillos, e nomeadamente das fillas de solteira.

Un mundo de amigos e amigas que comparten as súas inquedanzas e as súas dúbidas. Un mundo de descubrimentos constantes, de aprendizaxe continuo, non sempre o máis axeitado, pero sempre necesario.

Un mundo, no que as curandeiras e curandeiros, as compoñedoras e compoñedores, substitúen a inexistente atención sanitaria. No que aínda quedan “escapados” polos montes; “tolos e tolas” para os que a guerra aínda non acabou.

Un mundo de nenas e nenos que están descubrindo a sexualidade. Unha sexualidade convenientemente “filtrada” pola omnipresente igrexa. A relixión sempre no centro das súas vidas para “encher de pesadelos os nosos soños e de culpabilidade os nosos corazóns”

O caso é que cando se xuntan tres ou catro persoas daquela xeración, sempre, sempre, sempre, se veñen á cabeza aquelas merendas de Pan con chocolate.

Trátase, xa que logo, dunha recuperación da memoria dun xeito amable e mesmo divertido, non exento do seu punto de crítica social, dunha época bastante escura da nosa historia.

A estrea terá lugar nos colexios vellos de San Miguel de Reinante, os vindeiro días 11 e 12 de outubro.

A primeira función será o mércores 11 ás 20:30 horas e a segunda o xoves 12 ás 19:00 horas.

As entradas, que terán un prezo de 4 euros, poderán adquirirse anticipadamente en varios establecementos do concello, contactando con algún membro da directiva ou do grupo de teatro, ou na billeteira desde unha hora antes da función.

Exit mobile version