No Día Internacional das Mulleres Rurais, José Tomé Roca, xunto ao Secretario Xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e a Secretaria de Organización provincial, Pilar García Porto, visitaron o modelo de produción ecolóxico, sostible e de proximidade da Granxa A Cernada, en Palas de Rei, a cargo de Ana Corredoira
Os socialistas reclamaron un Plan de Reequilibrio de Investimentos cara o rural galego, que a Xunta garanta a prestación dos servizos públicos, como sanidade, educación, conciliación ou atención aos maiores, e que promova a creación de emprego de calidade e sostible aproveitando o potencial produtivo do rural, como factores chave para fixar poboación no territorio e reverter a grave caída demográfica que se rexistra dende hai décadas.
Neste sentido, José Tomé subliñou que precisamente o apoio ao rural e ao sector primario é unha das liñas de actuación prioritarias do Goberno provincial que preside, e puxo en valor a posición da provincia como principal produtora de leite e madeira de España, ao mesmo tempo que reclamou á Xunta que se poña a traballar para solucionar as eivas, principalmente no campo das comunicacións no que ten as competencias, que lastran o crecemento económico no rural.