O Consorcio Provincial de bombeiros apoia os labores de control e extinción dos lumes de Trabada, xa controlado, e reforzou tamén os traballos en Foz e Chantada, onde o lume quedou extinguido este mediodía e queimou preto de 90 hectáreas
Lugo, 13 de outubro de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este venres cos alcaldes de Trabada e Foz, Mayra García Bermúdez e Francisco Cajoto –tamén deputados provinciais- os traballos de extinción dos lumes que afectan a estes dous concellos da Mariña. Xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, á Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e outras autoridades, estiveron no punto de control do operativo contra os incendios declarados nas últimas horas en diferentes concellos da provincia e que queimaron unhas 450 hectáreas en Trabada, onde as lapas xa están controladas, e outras 70 en Foz.
Tomé Roca trasladou aos alcaldes e alcaldesas dos municipios que sufriron lumes nas últimas horas todo o seu ánimo e mandou unha mensaxe de apoio á veciñanza, especialmente nos lugares onde tivo que ser desaloxada das súas casas.
Mayra García agradeceu o labor dos efectivos que están a loitar contra os lumes e informou de que no concello foi decretada a situación 2 de alerta pola proximidade das lapas aos núcleos habitados. A Alcaldesa sinalou ademais que no concello está habilitada a Escola Municipal para a veciñanza de Pena Cova que pediu ser desaloxada. Pola súa banda, Francisco Cajoto sinalou que a noite foi complicada en varios núcleos de Santa Cilla e San Acisclo e que o lume está próximo a zonas habitadas. Precisou tamén que foi necesario pechar ao tráfico a estrada que comunica Alfoz con Foz por Fazouro e Fontao.
En total son 6 os concellos afectados: Trabada, Foz, Barreiros, Muras, Ribadeo e Chantada; entre os que arderon máis de 600 hectáreas. En Barreiros, outro incendio forestal queimou unhas 0,3 hectáreas da parroquia de San Cosme e no caso de Muras arderon 8,5 hectáreas da parroquia do Burgo. En Ribadeo, o lume chegou desde o concello de Trabada e xa afecta ás parroquias de Noceda, Vilaframil, Cubelas, Piñeira e Cedofeita. Nas últimas horas quedou extinguido o incendio que queimou Requeixo, en Chantada, onde arderon preto de 90 hectáreas.
O Presidente da Deputación e Presidente do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento informou de que a entidade leva apoiando dende o xoves nos labores de control e extinción dos lumes. Desprazou a Trabada efectivos de Barreiros; a Foz, os de Viveiro; e os do parque comarcal de Chantada puxéronse a disposición do dispositivo despregado en Requeixo.