Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente da Deputación asina coa Alcaldesa de Trabada un acordo para crear un centro de novas tecnoloxías no municipio

José Tomé destacou que este novo servizo “contribúe a mellorar a calidade de vida dos veciños, un factor fundamental para fixar poboación no rural, que é un dos grandes obxectivos que temos na Deputación en colaboración cos concellos”

Lugo, 20 de outubro de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres coa Alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, tamén Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, un acordo a través do que a institución provincial achega ao Concello mariñán 48.000€ para a creación dun centro de novas tecnoloxías en Vilaformán, rehabilitando o antigo teleclub da parroquia.

José Tomé explicou que o investimento provincial supón un 90% do custe total da actuación que permitirá a posta en marcha dun espazo innovador impulsado pola propia Alcaldesa. “O centro prestará atención á veciñanza da parroquia, pero tamén de todo o concello e axudará a dinamizar a vida social e económica con acceso ás novas tecnoloxías no rural”. “Estamos creando polo tanto novos servizos, que contribúen a mellorar a calidade de vida da xente, un factor fundamental para fixar poboación no rural, que é un dos grandes obxectivos que temos na Deputación en colaboración cos concellos”, explicou o Presidente.

Neste sentido, sinalou que este proxecto en Trabada responde precisamente ao compromiso de cooperación que a institución provincial mantén cos municipios da provincia para que poidan prestar máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas.

Os traballos para crear un centro de novas tecnoloxías en Vilaformán consistirán na retirada da rede eléctrica e os equipos de iluminación, a demolición de tabiques, pavimentos e revestimentos interiores e na retirada da carpintería de madeira existente. Grazas ao proxecto habilitaranse no edificio, de 131m2, dous espazos, un para instalar material informático e o segundo para levar a cabo formación relacionada con actividades no rural, clases de primeiros auxilios, ximnasia ou cursos informativos.

A Deputación con Trabada

Este acordo súmase aos investimentos que a Deputación de Lugo fai no concello de Trabada. Dende 2019 a institución provincial destinou 3M€ para actuacións que contribúen á mellora da calidade de vida dos trabadenses e dinamizar a economía local, así como para o funcionamento do Centro de Atención a Maiores.

Un terzo do orzamento está destinado á residencia da Deputación, que atende a 34 persoas maiores e dá emprego a 25 traballadores e traballadoras, polo que supón un factor de dinamización social e económica do concello de primeira orde.

Exit mobile version