O deputado mariñán José Manuel Balseiro non oculta a súa preocupación pola situación da factoría lucense e insiste na importancia de garantir un marco enerxético “estable e competitivo”
Con este obxecto, os populares galegos veñen de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que detallan as medidas aínda pendentes. Entre outras, reclaman que se modifique o Estatuto dos consumidores electrointensivos para que a industria galega e española poida competir en igualdade de condicións co resto de industrias europeas, que si están a contar co apoio dos gobernos dos distintos estados.
A iniciativa tamén demanda que se incremente a dotación orzamentaria máxima permitida pola normativa europea para a compensación dos costes indirectos por CO2 da industria electrointensiva e que se activen, canto antes, mecanismos de interrumpibilidade “efectivos” para reducir o prezo eléctrico.
Finalmente os populares galegos tamén fan mención á necesidade de impulsar ferramentas xurídicas e executivas que faciliten os contratos de compravenda de enerxía a longo prazo (PPAs), tal e como fixo a Xunta ao favorecer a firma de dous PPAs por parte de Alcoa con promotores de proxectos eólicos.
Desde o Grupo Popular, como desde o propio Goberno galego, veñen alertando hai tempo de que os altos prezos da enerxía están levando ás empresas galegas a baixar a súa produción e mesmo a valorar a súa deslocalización.
SITUACIÓN DE ALCOA
Balseiro non oculta a súa preocupación pola situación de Alcoa, “a primeira industria electrointensiva do país e a única que producía aluminio primario, un metal estratéxico para a economía” e lamenta que o Goberno de España esqueza que está en marcha unha “conta atrás”, de feito, restan dous meses e medio para o remate do prazo acordado para a reactivación da factoría emprazada na Mariña lucense.
O deputado tamén explica que o recente cese de actividade do departamento de Fundición, a única área produtiva que se mantiña operativa nestas instalacións despois do apagado das cubas de electrolises polos elevados custos enerxéticos, sumados aos problemas de mercado que afronta a refinería de alúmina, está a provocar “inquedanza” entre os traballadores e no conxunto dunha comarca na que esta empresa é o seu principal motor económico.
Cómpre lembrar que os plans da compañía pasan por reactivar a produción das cubas ao 6% a finais deste ano, para elevar progresivamente a produción ata o 100% en outubro de 2025, segundo o acordo pactado pola multinacional e os traballadores e no que a primeira se comprometía a non realizar despedimentos e sufragar unha serie de investimentos e os segundos a manter a paz social.