Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP veta a proposta do BNG destinada a favorecer a incorporación da mocidade á actividade agrogandeira

Carme Aira propuxo un Plan integral con medidas concretas para incentivar á xente máis nova con asesoramento e axudas suficientes, fortalecer as pequenas e medianas empresas e dotar o rural de servizos básicos

Santiago de Compostela, 13 de xuño, 2023. A portavoz de Desenvolvemento Rural do BNG, Carme Aira defendeu na comisión de Agricultura a posta en marcha dun Plan integral para o asesoramento da mocidade na súa incorporación á actividade agrogandeira e lamentou, que unha vez máis, o Partido popular vetara a iniciativa nacionalista destinada a reactivar o medio rural e impulsar o cambio xeracional.

A deputada xustificou a proposta na necesidade de responder a unha realidade incontestable, vivimos, dixo, “nun país envellecido, con escasa superficie agraria útil e cun rural en risco severo de peche” de aí, a urxencia de políticas activas por parte do goberno galego.Por outra parte, salientou as dificultades para levar adiante as granxas que inflúe negativamente á hora de incorporacións da mocidade.

Para a deputada, as políticas do Goberno galego para o agro no que atinxe a obter máis superficie agraria ou forestal son “insuficientes” e baséanse nos instrumentos da Lei de recuperación de terras, con efectividade desigual e algunhas delas fracasadas como as “aldeas modelo”, os polígonos agroforestais e as permutas, Ademais, subliñou , que o Bantegal está completamente “inoperativo, con prezos inasumíbeis e sen oferta de predios”.

Carme Aira tamén denunciou os atrancos das políticas do PP que impiden poder modificar estruturalmente o sistema produtivo primario, fortalecer as pequenas e medianas granxas ou diversificar suficientemente a actividade agraria. Son políticas que podemos, explicar en 3 medidas:

Plans estratéxicos, “xenéricos, inconcretos e pouco pŕacticos para mellorar os sectores
As axudas directas co anuncio de 12 M€ para a carne de calidade en extensivo, cantidade que rematará e deixará a moitos gandeiros e gandeiras sen a axuda, e a bolsa da PAC cada vez “con menos diñeiro” que conleva a merma das axudas para este período en comparación coas cantidades previamente estimadas.

A maiores, vivir no rural supón enfrontarse a fendas de xénero, de acceso a servizos básicos como a mobilidade, conciliación, ocio, conectividade, educación ou sanidade e os nosos xovenes tampouco contan con axudas para incorporarse a actividade agrogandeira.

Por todas razóns demandamos elaborar un Plan integral que marque uns obxectivos claros a medio prazo e estableza un nivel de apoios que transcendan as axudas da PAC porque “non chega con publicar convocatorias e que sexan as persoas xóvenes as que decidan a cegas meterse en proxectos que son en por si complexísimos”.

A xuízo da deputada, a política debe crear “o marco no que estas persoas exerzan a súa actividade produtiva, darlle cohesión ás nosas producións primarias, cuestión que sen dúbida repercutirá no desenvolvemento integral do rural”.

Por outra banda, a deputada considerou que a FP debe mellorar profesionalizando as actividades agrogandeiras e a transferencia de coñecemento para implicar a tódolos sectores na escolla das actividades agrarias e gandeiras que poidan ter un mellor desenvolvemento e perdurabilidade.

Na realidade, afirmou Carme Aira, a mocidade ten que enfrontarse “á falta de profesionalización, á falta de asesoramento público continuado, e a axudas cada vez máis pequenas cando os prezos son cada vez máis elevados”.

“Precisamos novas incorporacións e eles precisan maior apoio e coherencia nas axudas, a política da Xunta ten que deixar de ser pasiva conformándose con sacar convocatorias de axudas da PAC e pasar a ser proactiva, cun proxecto que vaia máis alá da PAC para facilitar a captación de novas incorporacións e un tránsito máis amable por esta experiencia”, concluíu.

Exit mobile version