Os deputados populares ven necesario que, ademais da xuntanza co Grupo Provincial Popular, Tomé tamén debería de reunirse cos alcaldes e alcaldesas da provincia, aos que leva anos sen recibir, xa que son os que mellor coñecen as necesidades de cada municipio e así tamén se avanzaría cara un orzamento máis xusto para todos os veciños da provincia
Por este motivo, o voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que “defenderemos uns orzamentos igualitarios para todos os concellos”, para o que entendemos unha das “mellores e principais ferramentas” que todos os municipios teñen ao alcance da man é o Plan Único.
Dende o Grupo Provincial Popular pedirán a José Tomé que aumente os fondos que a Deputación de Lugo destina ao Plan Único nun 30%, é dicir, en 6.5M€.
Os deputados populares realizan esta proposta en base a que durante os cinco primeiros meses do 2023 —de xaneiro a maio— José Tomé destinou 6.5M€ a convenios aprobados a porta pechada en xunta de goberno —44 con concellos gobernados polo PSOE, 11 con municipios liderados polo BNG, 3 para municipios dirixidos por independentes e ningún convenio con concellos gobernados polo PP—. “Se o presidente da Deputación puido destinar en 5 meses 6.5M€ para os municipios que el quixo, é lóxico pedir que destine esa cantidade ao Plan Único e que todos os municipios da provincia poidan optar a eses fondos en igualdade de condicións”, insistiu.
Antonio Ameijide explica que dadas as características e oportunidades que ofrece o Plan Único aos concellos “cremos que é o mellor camiño para conseguir esa igualdade que hoxe non existe xa que así todos os municipios concorrerán en igualdade de condicións a estes fondos, sen que o presidente de quenda poida beneficiar so a aqueles municipios gobernados por afíns”.
REXISTRO DUNHA PETICIÓN DE XUNTANZA CO PRESIDENTE
Esta é unha das propostas que os deputados do Grupo Provincial Popular queren trasladar ao presidente da Deputación nunha reunión que esta mesma mañá se solicitou por escrito mediante rexistro.
Antonio Ameijide recorda que “desde o primeiro momento anunciamos que queriamos lograr un trato igualitario para todos os municipios e consideramos que esta é unha das medidas que o logrará, pero queremos falalo co presidente, sempre con boa vontade e sendo propositivos”.
“Entendemos que é unha proposta válida e asumible xa que Tomé defendeu no seu día aumentar os fondos destinados ao Plan Único nun 25%, pero a realidade é que conxelou esta partida”, sinalou.
Dende o Grupo Provincial Popular realizan esta reflexión despois de comprobar como nos tres últimos anos o presidente da Deputación reservou a mesma aportación orzamentaria do ente provincial ao Plan Único.
Nesta xuntanza, explica Antonio Ameijide, dende o Grupo Provincial Popular tamén temos intención de facer fincapé noutras medidas que pensamos son “indispensables para a mellora da provincia”, como son o mantemento das estradas provincias, das zonas verdes e fluviais, así como dos edificios de titularidade da Deputación.
MOTOR DA PROVINCIA
Se finalmente se produce esa xuntanza para dialogar entre José Tomé e os deputados populares, dende o Grupo Provincial Popular se fará fincapé na necesidade de que “a Deputación de Lugo volva a ser o motor da provincia”. Un impulso necesario para dar impulso ao sector turístico e empresarial.
“A Deputación Provincial ten que ser ese motor que impulse grandes proxectos na provincia, como sucedeu nas etapas nas que contou con gobernos do Partido Popular, tendo como exemplos o paseo do Miño, o campus de Lugo ou os catamaráns do Miño, entre outros grandes proxectos”, explicou.
Grandes proxectos que deberían de continuar agora coa proposta realizada a semana pasada dende o Grupo Provincial Popular para que a Deputación de Lugo impulse un Plan Provincial de apoio aos concellos para a xestión do ciclo da auga, unha iniciativa que “nos vindeiros anos será de vital importancia xa que todo apunta a que será un ben escaso”.
ESCOITAR AS VOCES DOS ALCALDES E ALCALDESAS
Antonio Ameijide agarda que José Tomé teña a ben atender a petición de xuntanza realizada polo Grupo Provincial Popular e tamén convida ao presidente da Deputación a “escoitar a voz de todos os alcaldes e alcaldesas da provincia”. “Consideramos que escoitar a quen mellor coñece as necesidades reais de cada municipio é o mellor mecanismo para chegar a ese reparto xusto e igualitario que defendemos dos medios económicos, materiais e humanos”, aseverou.
Por último, dende o Grupo Provincial Popular recordan que, de novo, o presidente Tomé está a incumprir o artigo 168 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais que no seu apartado 4 establece que “sobre a base dos orzamentos e estados de previsión a que se refiren os apartados anteriores, o presidente da entidade formará o orzamento xeral e remitirao, informado pola Intervención e cos anexos e documentación complementaria detallados no apartado 1 do artigo 166 e no presente artigo, ao Pleno da corporación antes do día 15 de outubro para a súa aprobación, emenda ou devolución”.