Lugo, 31 de outubro de 2023. Nunha mostra evidente de partidismo e da confrontación permanente que forza co Goberno do Estado, o Partido Popular rexeitou no Pleno da Deputación de Lugo celebrado hoxe que a Xunta de Galicia desbloquee as infraestruturas que ten empantanadas por toda a provincia dende hai 15 anos.
Os socialistas presentaron unha emenda de engádega á moción do PP sobre as infraestruturas competencia do Estado, na que reclamaban o mesmo compromiso por parte do Goberno galego para, “no desenvolvemento das súas competencias na materia, desbloqueen e avancen nas obras das infraestruturas autonómicas fundamentais para garantir as comunicacións, a competitividade e o desenvolvemento da provincia de Lugo”. Entre elas, o desdobramento do corredor Lugo-Sarria-Monforte, restituír e arranxar a LU-651 no Courel, acometer os accesos ao Porto Seco de Monforte, finalizar o Plan Paradai de Lugo, e executar o enlace entre o Parque das Gándaras coa A-6, entre outras.
Polo tanto, o Partido Popular esixe ao Goberno do Estado o que non lle pide á Xunta de Galicia, motivo polo que a súa moción foi rexeitada polo PSdeG e tamén polo BNG no Pleno da Deputación, pois o único obxectivo dos populares é tapar a súa propia nefasta xestión na Xunta.