Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pon en valor os máis de 4,7 M€ en investimentos da Xunta para Burela no 2024

Manuel Rouco considera que “estes investimentos directos na nosa vila ratifican o compromiso do Goberno de Rueda con Burela”

Burela, 27 de outubro de 2023. O portavoz do Grupo Municipal Popular, Manuel Rouco, asegura que “os 4,7 M€ que a Xunta ten previsto investir en Burela de forma directa para o vindeiro 2024 ratifican o compromiso do Goberno de Rueda coa nosa vila”.

A Xunta de Galicia consigna 2,7 M€ para o saneamento e a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), máis de 1 M€ para a segunda fase da obra de ampliación e remodelación integral do Hospital Público da Mariña, 830.000 euros para o reforzo do dique do porto e 170.000 euros para a mellora da Estación de Tratamento de Agua Potable (ETAP).

Os populares poñen en valor a “implicación do Goberno de Rueda cos veciños de Burela e de toda a comarca ao consignar máis fondos para seguir avanzando na mellora de espazos e servizos no Hospital da Mariña”. Igualmente, subliñan as medidas de apoio por parte da Xunta de Galicia ao sector pesqueiro, “un sector estratéxico para o noso pobo”.

Rouco explica tamén que “somos conscientes do necesario dunha nova EDAR para Burela -un proxecto que foi impulsado polo anterior goberno do PP- e por iso temos logrado o compromiso do Goberno galego para darlle continuidade, tal e como manifestamos na campaña das pasadas eleccións municipais”. Nese sentido, agarda a colaboración do resto de administracións implicadas para “avanzar de xeito decidido e facer realidade esta infraestrutura”.

A maiores, segundo incide Rouco, “o Goberno autonómico sufraga tamén importantes servizos públicos coma o centro de saúde, os centros escolares, a universalidade da gratuidade das escolas infantís, apoia servizos e outras actuacións municipais e achega axudas a particulares e empresas para contribuír ao desenvolvemento do tecido produtivo”.

A XUNTA TRABALLA DENDE A PLANIFICACIÓN

Rouco subliña o traballo feito en tempo e forma, “con previsión e planificación”, por parte da Xunta de Galicia e convida ao goberno municipal a seguir o seu exemplo: “Os veciños e veciñas de Burela sabemos xa cal é a previsión do Goberno galego para executar investimentos na nosa vila, mentres que o goberno municipal aínda non presentou os do ano 2023 e tampouco avanzou nada do que ten previsto para o 2024”.

Exit mobile version