Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP esixirá ao goberno provincial que “atenda as súas competencias” de cooperación cos Concellos da provincia e mantemento de infraestruturas da Deputación

O Grupo Popular propón que a Deputación de Lugo colabore cos Concellos a través de convenios, a construción das instalacións adecuadas entre outras medidas para cumprir coas obrigas da lei de benestar animal

Luns, 30 de outubro de 2023. Os deputados populares esixirán ao goberno no pleno da corporación provincial deste martes cooperar cos Concellos cun trato igualitario para a provincia e manter as infraestruturas da súa titularidade. É dicir, “o que lle pedimos ao goberno que preside Tomé é que atenda aos asuntos da súa competencia”, segundo explica o portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide. Así mesmo, e tendo en conta que “o Goberno de Sánchez continúa marxinando e illando á nosa provincia, reclamaremos máis investimentos para as infraestruturas lucenses de titularidade estatal”.

Os populares propoñen, por unha banda, que a Deputación de Lugo leve a cabo as actuacións precisas para colaborar cos concellos para cumprir coas obrigas establecidas na lei 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais porque “esixe responsabilidades e medidas que non son asumibles por pequenos Concellos”. É dicir, “pedimos asumir as competencias de cooperación cos Concellos como lle confiren as leis e que, neste caso, recolle a propia norma que lle dá capacidade para actuar aos entes provinciais”.

A iniciativa dos populares propón colaboración da Deputación de Lugo a través de convenios, a construción das instalacións adecuadas entre outras medidas, “na liña doutras Deputacións como a de Ourense ou Pontevedra”. E, igualmente, piden instar ao Goberno central para que consigne anualmente nos Orzamentos cantidades suficientes para garantir a prestación dos servizos recollidos na lei.

Tamén propoñen dirixirse ao Goberno central para “desbloquear e avanzar nas obras das infraestruturas estatais que son fundamentais para garantir as comunicacións, a competitividade e o desenvolvemento da nosa provincia”: garantir a conexión da provincia de Lugo coa alta velocidade, a súa integración no Corredor de Mercadorías do Atlántico, a reconstrución urxente dos viadutos da A-6, finalizar con urxencia os traballos do socavón na N-642, impulsar decididamente as autovías A-54, A-56, A-74 e A-76 e levar a cabo o adecuado mantemento das vías da súa titularidade.

“O abandono das infraestruturas na provincia por parte do Goberno de Pedro Sánchez esténdese tamén ao goberno de Tomé na Deputación de Lugo. Están copiando as súas políticas en materia de infraestruturas: falta de mantemento e arranxos chapuceiros que supoñen prexuízos na vida diaria dos lucenses”, subliña Ameijide.

O portavoz popular cita “os continuos problemas no desvío provisional da A-6 que se suman o mal estado do firme e ao corte dun novo tramo por mor dun desprendemento de terra que continúa sen ser retirado” ou os nove meses sen restablecer a normalidade no tráfico pola estrada da Mariña debido ao socavón que continúa aberto na N-642.

E, de igual forma, incide en que “pasaron case 10 meses dun rebentón da canalización de auga pola marxe da estrada provincial LU-P-3103 en fronte á Casa Escola de Santa María Maior en Mondoñedo que provocou a inundación de vivendas na zona e o burato continúa aberto e sen solución por parte do goberno da Deputación”.

En relación a unha obra mal planificada, Ameijide pon como exemplo a mellora da estrada provincial LU-P-5709 entre Paradela e Sarria que “no tramo recentemente arranxado queda cunha anchura de menos de 5 metros, o que dificulta que se poidan cruzar dous vehículos e, peor aínda, se se trata de vehículos pesados que dan servizo ás empresas e explotacións gandeiras da zona”. Nese sentido, dende o Grupo Provincial Popular piden continuar co criterio empregado na renovación da vía levada a cabo por un goberno do Partido Popular que supón a mellora do trazado e o ancheamento da plataforma da vía para esta e outras estradas de competencia provincial.

INSTALACIÓNS EN MAL ESTADO E EDIFICIOS NOVOS SEN USO

Os deputados tamén esixirán na sesión plenaria deste martes que o goberno provincial leve a cabo as necesarias actuacións de mellora e mantemento nas instalacións provinciais da Escola de Piragüismo co obxectivo de garantir a seguridade dos usuarios e a tramitar de novo o permiso ante a Confederación Hidrográfica do Miño Sil para repoñer o pantalán de acceso ao río para as embarcacións na zona.

“Por unha banda, este goberno mantén en mal estado edificios da súa titularidade e, por outra, non pon en funcionamento instalacións de recente creación como é o caso do centro comarcal de atención a maiores en Becerreá”, explica Ameijide. Nese sentido, avanza que “preguntaremos sobre as actuacións que están pendentes de realizar e cal é o prazo concreto que prevé o goberno provincial para a sua posta en servizo”.

Exit mobile version