Os deputados populares denuncian que o abandono de Pedro Sánchez con Lugo “é notorio” ante a falta de investimentos en infraestruturas clave para Lugo, como na exclusión da provincia da Alta Velocidade ou na ausencia de compromisos para rematar a autovía a Santiago, o que provoca tremendas desigualdades co resto do territorio
O voceiro popular, Antonio Ameijide, destaca que as infraestruturas de comunicación son esenciais para o desenvolvemento económico dos territorios e no caso da provincia de Lugo, tanto no ferrocarril como en estradas ou autovías de titularidade estatal, dáse un retraso inxustificable e gravemente lesivo para os intereses dos cidadáns.
Por este motivo, o Grupo Provincial Popular defenderá no pleno que a Deputación de Lugo inste ao goberno de España a que nas vindeiras anualidades se comprometa coa provincia de Lugo para desbloquear e avanzar nas obras das infraestruturas estatais fundamentais para garantir as comunicacións, a competitividade e o desenvolvemento da mesma, como son:
. Garantir a conexión da provincia de Lugo coa Alta Velocidade, a modernización das infraestruturas das liñas ferroviarias, recuperar os proxectos das variantes dos Peares e Rubián habilitando os investimentos necesarios así como recuperar as frecuencias previas á pandemia.
. Garantir que a provincia de Lugo se integre no Corredor de Mercadorías do Atlántico.
. Proceder á reconstrución urxente dos viadutos da A-6.
. Impulsar de xeito decidido as obras das autovías A-54 (Lugo-Santiago), A-56 (Lugo-Ourense), A-74 (autovía da Mariña) e A-76 (Ponferrada –Ourense).
. Finalizar con carácter de urxencia os traballos da estrada N-642 no tramo afectado polo socavón.
. Levar a cabo o adecuado de mantemento das infraestruturas de titularidade estatal que transcorren pola provincia de Lugo, como poden ser as autovías A-6 e A-8, a estradas nacionais N-540, N-VI ou N-642, N – 120, entre outras, que garanta a seguridade dos usuarios das mesmas
Para os populares todas estas intervencións son de “imprescindibles e urxentes” e poñen algúns exemplos do abandono de Pedro Sánchez con Lugo e os lucenses, como que a provincia queda fóra da Alta Velocidade ao comprobar como o Ministerio de Transportes non ten previsto executar as variantes de Rubián e dos Peares, imprescindibles para mellorar os tempos de viaxe e achegar a Lugo á Alta Velocidade ferroviaria, “polo que o goberno de Pedro Sánchez segue a marxinar á provincia”. “A realidade amosa que o actual Goberno de España está a provocar que Lugo quede totalmente á marxe da Alta Velocidade, cunhas decisións que supoñen unha marxinación e un lastre enorme para o futuro da provincia e a competitividade das nosas empresas”, denunciaron.
Do mesmo xeito, que Lugo —como sucede con Ferrol— queda á marxe do Corredor de Mercadorías Atlántico.
A comunicación por estrada é outro dos debes do Goberno de Pedro Sánchez coa provincia. Non hai ningún prazo concreto nin compromiso sobre o remate da A-54 (autovía Lugo – Santiago), como tampouco da A-56 (autovía Lugo – Ourense) da que non existen avances para a nosa provincia. Moitas menos noticias temos da autovía A-76 (que conectará Ponferrada con Monforte e con Ourense) nin da A-74 (autovía da Mariña).
Ademais, Antonio Ameijide ve “imprescindible axilidade na reconstrución do viaduto do Castro”, unha vía fundamental para Lugo respecto, sobre a que os responsables do Ministerio de Transportes unicamente din que “a previsión é que se poida poñer en servizo ao longo do vindeiro ano”.
Tamén cómpre finalizar con urxencia o arranxo do tramo afectado da N-642 polo socavón que se produciu en xaneiro ao colapsar o drenaxe que discorre por debaixo da vía, “unha estrada estratéxica e vertebral para a comunicación dos concellos do litoral da Mariña, que ademais non conta con percorrido alternativo ao non estar aínda executada a tan necesaria autovía A-74”.
Antonio Ameijide tamén sinala “fundamental” que o Goberno central arranxe con celeridade o firme deteriorado das estradas N-540, N-642, N-VI ou N-120 e das autoestradas A-6 e A-8, ademais de deseñar un plan de conservación anual de todas as estradas de competencia estatal na provincia para garantir a seguridade de condutores e usuarios destas vías.