O voceiro popular en Trabada, José María Fernández, afirma que a alcaldesa “está ausente do municipio” e por este motivo ten que facer “unha campaña para tentar lavar a súa imaxe e paliar o descoñecemento que ten das necesidades dos veciños”
José María Fernández pregunta á alcaldesa se “realmente vai atender as peticións dos veciños das parroquias ou van caer en saco roto como todas as súas promesas electorais, das que non cumpriu nin a primeira”.
Dende o PP de Trabada explican que “nós si que coñecemos os problemas reais dos veciños” e o que eles queren é:
Que se arranxen as estradas, sobre todo as provinciais, algo para o que a alcaldesa podería facer presión como deputada do goberno provincial.
Concentracións parcelarias, xa que dende que ela é alcaldesa non se realizou nin unha e todas as existentes son grazas ás xestións do Partido Popular.
Vivendas de protección oficial, xa que nos seus mandatos non se fixo ningunha, sendo esta unha gran reclamación sobre todo entre a xente moza
Nada se sabe do polígono industrial, polo que Trabada leva anos agardando. Xa había un convenio asinado entre o Concello e a Deputación, pero seguramente a alcaldesa o gardou nun caixón para non volver abrilo máis
En cambio, a alcaldesa fala de facer un auditorio en Trabada: “non poñemos en dúbida de que sexa unha boa inversión, pero a realidade é que non é o que reclaman os veciños”. “Se repasamos todos os seus anos como alcaldesa ninguén pode poñer en dúbida que non trouxo nin un só investimento importante a Trabada”, lamentou, sen esquecer que de todas as peticións que se realizaron publicamente por parte de asociacións veciñais e de comunidades de montes non atendeu ningunha.
José María Fernández esixe “traballo, rigor e seriedade” á alcaldesa xa que os veciños queren “feitos e ver como se solucionan os seus problemas, xa que os titulares e as fotos nos xornais son cousa dun día, pero non solucionan nada”.
O voceiro popular recorda ademais que o deber da alcaldesa é “estar no día a día do municipio e dos veciños” xa que en lugar de organizar este tipo de xuntanzas “debe ser ela a que estea a disposición dos veciños e se poidan achegar a ela para explicarlle os seus problemas e necesidades, pero a realidade é que non poden porque nunca está”.
Neste senso, dende o PP de Trabada recórdase que “no noso programa electoral levábamos como un dos compromisos manter xuntanzas veciñais semestrais, mantendo así un contacto estreito con toda a veciñanza para estar sempre ao tanto das necesidades existentes”.
Por último, José María Fernández denuncia a actitude da alcaldesa xa que agora presume de realizar este tipo de xuntanzas “pero non di que sempre se negou a ceder locais municipais cando se lle solicitaron dende o Partido Popular para facer reunións cos veciños ou asociacións”.